O desmantelamento do sistema financeiro galego, detrás do aumento do paro

Os datos de desemprego tirados a pasada quinta feira amosaron que máis de dous mil postos de traballo foran destruídos no último mes do ano. Mais que se agocha tras dos índices de paro en Galiza?

A taxa de desemprego feita pública a pasada quinta feira reflicte o denominado 'paro rexistrado', isto é unha realidade laboral estacional, vencellada ao número de persoas contratadas o último día do ano, mais non necesariamente cun posto de traballo estábel --e moito menos fixo. De maneira que a cifra publicada, non tende a rexistrar unha tendenza senón máis ben, unha conxuntura.

Malia a todo, o certo é que ao longo do pasado ano, en Galiza destruíronse máis de 20.000 postos de traballo. As causas --e consecuencias-- dese número, son múltiples e variadas, mais Antonio López, membro do comité de empresa de Navantia e responsábel de emprego da Confederación Intersindical Galega é claro, "se non hai economía produtiva, non hai traballo".

Clodomiro Monteiro: "Se as empresas non teñen financiamento, non poden contratar"

A desaparición das caixas no centro do problema
A desaparición das caixas galegas, froito dos plans de re-estuturación financeira desenvolvidos polo goberno español --co visto e prace da Xunta de Galiza-- está a afectar de maneira notábel a destrución de emprego no noso país, mais principalmente á falta de contratación. "Se as empresas non teñen financiamento, non poden contratar", asevera Clodomiro Monteiro. Isto, sumado ás políticas de austeridade implementadas polos gobernos do PSOE e do PP impiden "retomar a dinámica de traballo", asevera López, quen asemade, é rotundo ao afirmar que as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ao asegurar que a partir do vindeiro ano a economía galega iniciaría a súa recuperación "son imposíbeis".

A falta de liquidez nunha economía como a galega --e a inexistencia dunha banca pública-- xera realidades extremadamente complexas para as empresas galegas --maioritariamente pequenas. A desaparición das caixas "cuxo obxecto era fundamentalmente proporcionar financiamento ás empresas", di Monteiro, deixou a boa parte destas sen fondos e coa única opción de acudiren ás grandes entidades financeiras cuxos tipos de xuro son maiores. A "queda do poder adquisitivo" e por conseguinte a "contracción do consumo", indica Antonio López, diminúe os rendementos económicos d@s empresari@s que se ven incapaces de facer fronte ao pagamento de novos créditos.

López Riveira: "A gravidade da situación laboral galega non mudará en moito tempo se non cambian as políticas dos gobernos".

A espiral de destrución de emprego está servida. Aliás, as sucesivas reformas laborais aprobadas polos gobernos de Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy "facilitan e abaratan o despedimento" permitindo, asemade, que as futuras contratacións sexan "temporais e precarias", alertan desde a CIG. "O que pretenden é implantar o 'modelo alemán'", advirte López Riveira. Un país, onde existen "9 millóns de contratos de menos do 50% da xornada pertencentes a aproximadamente 7 millóns de persoas", continúa o sindicalista. Os sonados 'minijobs' serven ao país xermano para aguantar a taxa de desemprego en pouco máis do 6% mais a perda de dereitos laborais e a redución das rendas do traballo son, cando menos preocupantes.

A emigración, "un coeficiente que enmascara" a realidade
López Rivera fai énfase na importancia que a cifra de persoas que acotío saen de Galiza ten na limitación das cifras de desemprego que se tiran desde distintas institucións. Até o pasado mes de outubro, 70 persoas diarias entre 20 e 34 anos abandonaron o país na procura dun emprego para alén das nosas fronteiras, "e estes non computan no paro, porque non están aquí", asegura. Unha realidade que agocha "a gravidade da situación laboral galega", unha realidade, di, "que non mudará en moito tempo se non cambian as políticas dos gobernos".

Comentarios