O desemprego aumentou en tres persoas á hora no mandato de Feijóo

Feijóo asumiu a presidencia da Xunta en abril de 2009, cun 12% de desemprego. Tres anos e medio despois, a taxa de está no 21%. Aliás, a CIG salienta que dos 60.957 contratos asinados en setembro o 92,2% foron eventuais.
paro
photo_camera Tres nov@s desempregad@s cada hora en Galiza

Nas eleccións de marzo de 2009 Núñez Feijóo presentou o seu 'Contrato coa cidadanía'. Un documento de 14 puntos en que o candidato popular prometía acabar coa crise e o desemprego en 45 días. Gañados os comicios, Feijóo tomou posesión o 14 de abril de 2009. Naquela altura, Galiza tiña un 12% de desemprego na poboación activa. Tres anos e medio despois e ás portas dunha nova cita electoral, as persoas desempregadas son xa o 21 por cento.

No mandato de Núñez Feijóo Galiza pasou de 170.000 desempregad@s a perto de 276.00, un incremento do 61% das persoas desempregadas

Durante o mandato Feijóo o número de desempregados pasou, segundo os datos da EPA (Enquisa de poboación activa) proporcionados polo Instituto nacional de estatística (INE), de 170.000 a perto de 276.000. Un incremento do 61% en persoas sen emprego. Durante o goberno do PP houbo unha media de 86 persoas que ficaron cada día desempregadas. Máis de tres cada hora.

Máis desemprego en todos os sectores

A destrución de emprego e o aumento do número de persoas desempregadas produciuse en todos os sectores, aínda que foi máis marcada na construción e industria (con especial incidencia en eidos fulcrais para o país, como o naval ou a automoción) . Aliás, desas 276.000 persoas que están desempregadas, 76.000 son de longa duración. 

Na construción, durante o mandato de Feijóo o desemprego aumentou en 4.000 persoas. Mais foi en servizos onde o desemprego se disparou nestes tres anos e medio, ao pasar de 58.000 desempregad@s a máis de 85.000.

Ademais, co capítulo en que figuran as persoas que procuran o seu primeiro traballo ou ben pederon o anterior hai máis dun ano, pasouse das 60.400 que había cando Feijóo asumiu a presidencia da Xunta ás 141.100 dese verán.

Das 276.000 persoas que están desempregadas, 76.000 son de longa duración

Alén disto, o emprego existente está marcado cada vez máis pola temporalidade, coa precariedade laboral que isto implica. Un exemplo disto: a CIG informa que no pasado mes de setembro se asinaron un total de 60.957 contratos, dos cales o 92,2% foron eventuais e tan só un 7,8% indefinidos.

"Non teño competencias para loitar contra o paro"

"Non teño case competencias para loitar contra o paro". Esta afirmación, pronunciada en febreiro de 2011 no Parlamento da Galiza, corresponde a Núñez Feijóo e foi feita pola mesma persoa que meses antes prometía, de acadar a Xunta, acabar co desempego en 45 días, no transcurso dun debate na cámara autonómica sobre a preocupante tendencia alcista do desemprego no noso país. 

Comentarios