O Comité de Empresa pide a demisión de Mato polo ERE que elimina 251 postos na Consellaría

O Comité de Empresa afirma que "Beatriz Mato é a responsábel do primeiro despido masivo que vai levarse adiante na Xunta, e supón unha regulación de emprego encuberta, mostra da incapacidade da conselleira de Traballo e Benestar para xestionar o seu departamento"
Beatriz Mato, PP A Coruña

O Comité de Empresa da Consellaría de Traballo e Benestar manifesta o seu "rexeitamento absoluto" á proposta do departamento autonómico de destruír 251 empregos públicos. Unha eliminación de postos que afecta a centros como o complexo xuvenil As Mariñas en Gandarío-Sada e especialmente a residencias de maiores, CAPD, centros de menores e servizos da dependencia e oficinas de emprego. Para o Comité, non hai dúbida de que estas medidas envolven "un desmantelamento de servizos básicos para os colectivos mais desfavorecidos da sociedade; as persoas maiores, os parados e os menores".

"O fin destes 251 despidos é crear a desatención dos cidadáns usuarios dos servizos públicos e engrosar aínda máis as listas de parados"

Para este organismo representativo dos traballadores e traballadoras da Consellaría, "Beatriz Mato é a responsábel do primeiro despido masivo que vai levarse adiante na Xunta", e supón, aliás, unha "regulación de emprego encuberta, mostra da incapacidade da conselleira de Traballo e Benestar para xestionar o seu departamento". "Mato non crea postos de traballo, non mantén a calidade dos servizos sociais, non xestiona con eficacia e eficiencia os servizos da Dependencia e non respeita os dereitos do persoal laboral".

Precariedade para persoal e para usuari@s 

Beatriz Mato "debería demitir do seu posto ante a nefasta xestión que realiza, e que ten como resultado máis paro, máis precariedade e máis recortes aos usuarios de Traballo e Benestar".

Neste sentido, o Comité afirma que "consideramos que o despido de 251 empregados públicos supón o fracaso ao frente do seu departamento e convértese nunha agresión ao sistema de servizos sociais de Galicia, do que dunha forma ostentosa e premeditada está a proceder ao seu desmantelamento. O fin destes 251 despidos é crear a desatención dos cidadáns usuarios dos servizos públicos e engrosar aínda máis as listas de parados".

Comentarios