O comité de empresa de Navantia sospeita que os quimiqueiros de Pemex irán para Corea

Os sindicatos emprazan a Feijóo para dar explicacións despois de meses de "propaganda" da Xunta incidindo en que a construción deses buques sería en estaleiros de Ferrol e alertan da destrución de carga de traballo no sector
Mobilización do sector naval en Ferrol
photo_camera Mobilización do sector naval en Ferrol

Marcelino Amado, responsábel da sección sindical da CIG en Navantia, denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, está a xogar cos anuncios de supostos contratos para os estaleiros de Ferrol coa mexicana Pemex “como se fose un trileiro: primeiro dixo que se ían contratar remolcadores, logo un barco flotel e agora temos coñecemento de que os buques quimiqueiros se van construír en Corea”. Por iso, criticou que no goberno galego se estean a lanzar informacións interesadas “para engaiolarnos, cando en realidade non hai nada para o naval e menos aínda para o naval de Ferrol”. Unhas afirmacións partilladas polo resto de centrais con representación.

Os representantes dos traballadores de Navantia e as auxiliares compareceron para denunciaren unha vez máis a continua destrución de postos de traballo no sector naval, reclamaren a consecución de novos pedidos para os estaleiros e que se concrete a construción do novo dique flotante. A CIG é partidaria de continuar con mobilizacións semanais e advertiu contra as previsíbeis promesas para o sector con motivo das próximas eleccións.

O representante da CIG lamentou que en vez de procurar alternativas para a comarca e intentar garantir o futuro dun sector estratéxico como o naval, o goberno do PP estea "a boicotear as posibilidades de dinamización económica da zona". Así, lembrou o polémico caso da suspensión do concurso eólico do bipartito, que supuxo un grave prexuízo laboral para Ferrolterra por coartar o desenvolvemento da actividade das empresas do sector na comarca e mesmo prexudicar a área de Navantia dedicada a turbinas, que era unha das que xeraba beneficios. Suspensión, por certo, que agora vén de anular o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Comentarios