O comercio vario da provincia da Coruña irá á folga o 1 de xullo

As centrais sindicais convocantes, CIG, CCOO e UGT, denuncian as pretensións da patronal de aplicar "brutais recortes salariais e laborais": o fin das categorías laborais, supresión de pagas...

A folga, que se desenvolverá durante todo o día 1 de xullo e afectará a todo o comercio vario da provincia da Coruña (téxtil, comercio de metal, de construción, ópticas, etc...) Tamén atinxirá a estabelecementos de grandes grupos como Inditex, Cortefiel, Dielectro ou Kilovatio Galicia. Porén, indican desde sindicatos como a CIG, non están afectados os grandes almacéns e as perfumerías, pois teñen convenios propios.

O responsábel de comercio da CIG-Servizos, Roberto Pérez, explica que o convenio caducou en xuño de 2011 e por mor da dilatación das negociacións, os traballadores/as do Grupo Inditex sufriron conxelación salarial durante 2012, a pesar dos enormes beneficios obtidos polo xigante do téxtil.

 As propostas empresariais presentadas na mesa, denuncia Pérez, supoñen unha precarización radical das condicións laborais deste colectivo de traballadoras e traballadores. Entre estas "agresións" estaría a  redución do 10% dos salarios para os novos contratos durante os tres primeiros anos ou ben a desaparición da cláusula que garante as condicións máis beneficiosas que existen en moitas empresas.

Tamén pretende a patronal, alertan os sindicatos, a supresión da paga extraordinaria de marzo nas empresas que aleguen non ter beneficios (aínda que non especifican como se controlará esta circunstancia); desaparición de todas as categorías e mobilidade absoluta do persoal; diminución da porcentaxe obrigatoria de persoal indefinido; desaparición dos calendarios de traballo anuais por outros de carácter mensual co establecemento dun mínimo de xornada irregular anual do 15%; posibilidade de desprazamento obrigatorio até 50km; ou a retirada do complemento por IT.

Comentarios