O BNG rexeita os Orzamentos para 2013 por estaren "entregados á banca"

Os Orzamentos Xerais do Estado para 2013 continúan adiante no proceso de tramitación. Após presentárense 11 emendas á totalidade que exixían a devolución do proxecto de lei ao executivo, o Partido Popular emprega a súa maioría absoluta para rexeitalas. A deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila denunciou que o goberno español teime en "sacrificar ás persoas para salvar á banca".
Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

"Vostedes deciden salvar aos verdugos para arruinar ás vítimas". Así de tallante se amosou a parlamentar nacionalista, Olaia Fernández Davila, no pleno do Congreso en que se debatían as emendas presentadas polos grupos da oposición aos OXE 2013. O executivo liderado por Mariano Rajoy propón nos orzamentos para o vindeiro exercicio, continuar coa entrega sen cortapisas de diñeiro público á banca --aumentando deste xeito a débeda do Estado-- e afondar na polítca de recortes. Neste senso, Fernández Davila censurou a actitude do goberno español e que “só adiquen esforzos ao cumprimento do défice" en troca de se preocuparen pola creación de emprego, con políticas que "agudizan a crise e afogan financeiramente ás CC.AA".

O PP reduce un 4% á Casa Real mentres retalla un 22% en Sanidade

A deputada nacionalista, criticou con dureza as retalladas orzamentarias que o goberno de Mariano Rajoy aplicará en Educación (-17%), Sanidade (-22%) e Igualdade, entrementres “apenas hai reducións en Defensa, Interior ou a Casa Real que só baixa un 4%”, censurou Davila. Aliás, criticou a redución orzamentaria destinada a Galiza e puxo de manifesto a necesidade dun outro modelo de financiamento e novas políticas que teñan como eixo central ás persoas e non que antepoña o pagamento da débeda ao benestar social. "O BNG nunca respaldará uns Orzamentos contra a xente”, asegurou a deputada nacionalista quen describiu a orde de prelación que guía a estratexia do executivo español, afirmando que "primeiro o sitúa o pago da débeda, primeiro adicar cantidades astronómicas ao pago dos intereses da débeda, que se come boa parte dos Orzamentos, e en última instancia está a cidadanía”.

Rajoy fai política en solitario
Ningunha forza política, agás os principais socios dos 'populares': Unión do Pobo Navarro (UPN), apoiou o proxecto de lei do executivo español, que rexeitou todas as emendas presentadas pola oposición aproveitando a maioría absoluta da que goza nas Cortes españolas. A seguir, o proxecto de lei continuará o proceso de tramitación coas emendas parciais, antes de ser votado na súa totalidade.

Comentarios