O BNG presenta as achegas para liberar a Facenda pública da “dependencia enfermiza” dos mercados

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera considera que o Goberno do PP está superado polos acontecimentos, e propón un novo Banco Central Europeu e unha reforma fiscal progresiva como alternativas factíbeis á "dependencia enfermiza" dos mercados
Bolsa de Madrid
photo_camera Bolsa de Madrid

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera considera que o Goberno do PP está superado polos acontecimentos: “Non goberna. Limítase a aplicar receitas fracasas. Non proba nada novo. Non ten plan B. Non leva nin medio ano de exercicio e xa é un goberno esgotado”. Unhas declaracións feitas após a prima de risco española volva rexistrar un maximo histórico por riba dos 523 puntos.

Insistir na vía dos recortes é unha política suicida que só conduce ao desastre social e ao agravamento da recesión, apuntan os nacionalistas. “A consecuencia é que o Estado cada día recada menos por impostos, ante a caída da actividade económica, e portanto cada día é máis dependente dos mercados para se financiar. Loxicamente isto presiona á alza a prima de risco, até o punto de que a situación comeza a se tornar insustentábel para calquera Facenda pública”, razona o candidato nacionalista.

"“Hai que revisar en profundidade o papel do Banco Central Europeu. Ten que ser o Banco dos Estados e non o banco dos bancos privados”

Jorquera enumera as alternativas que defende o BNG: “Hai que revisar en profundidade o papel do Banco Central Europeu. Ten que ser o Banco dos Estados e non o banco dos bancos privados. Neste momento dedícase a financiar á banca especulativa, a unha banca que xoga ao casino coa débeda soberana, como se está a ver na escalada da prima de risco española”. Un novo Banco Central Europeu e unha nova política fiscal no Estado español. “Si hai recursos para financiar outras políticas desde o sector público que podan reactivar a economía, estimular a demanda interna e criar emprego de calidade. O problema é que eses recursos non se recadan. A fraude fiscal alcanza no Estado español cifras mareantes. Até 70.000 millóns de euros”, analisa Jorquera.

Que paguen máis os máis ricos

O Estado debe financiarse pedíndolle moito máis ás grandes fortunas através dunha reforma fiscal verdadeiramente progresiva que libere á Facenda pública da súa “dependencia enfermiza” dos mercados. “E aí onde hai que ir e non aos mercados financeiros internacionais, que sempre van a querer un prezo máis alto polo seu diñeiro”, argumenta Jorquera.

A proposta de Banca Pública -no caso da Galiza, Banca Pública Galega- completa o abano das alternativas do BNG. “Cunha banca pública tronzas de raíz o funcionamento especulativo do sistema financeiro. Neste momento todos os recursos financieros se están a deitar nos circuitos especulativos e iso é letal para a economía produtiva, para a reactivación económica e para o emprego”, conclúe Jorquera.

Comentarios