O BNG pide en Bruxelas medidas que garantan os dereitos laborais do cadro de persoal de NGB

A eurodeputada Ana Miranda denuncia que o dereito á negociación colectiva queda en "papel mollado" nas entidades financeiras intervidas con fondos públicos

O BNG vén de solicitar á Comisión Europea que adopte medidas para evitar que o rescate de entidades financeiras, como NG Banco, afecte aos dereitos das e dos traballador@s, alén de estaren vencellados a drásticos recortes de emprego. A intervención supón, afirma a organización nacionalista, socializar as perdas con cargo a toda a cidadanía e reducións no cadro de persoal que deixan sen traballo centos de persoas.

Desde o punto de vista laboral, tanto a normativa europea como a estatal estabelece o dereito da cidadanía da UE á negociación colectiva, que corre o risco "de ser papel mollado", denuncia a europdeputada Ana Miranda, "tendo en conta que Comisión, Banco Central e goberno español pretenden que os recortes de persoal se aproben a través dos plans de recapitalización, ao marxe dos representantes d@s traballador@s, o que deixa sen efecto o dereito de negociación colectiva".

"Destinamos recursos públicos para rescatar entidades financeiras que supoñen despedimentos masivos, sen que os representantes dos traballadores que quedan no paro poidan ter un papel efectivo nas condicións deses drásticos axustes do cadro de persoal", denuncia a eurodeputada.

Comentarios