O BNG insta á Xunta a reclamar en Madrid unha rebaixa do 30% no recibo da luz d@s galeg@s

Tamén pide a derrogación do artigo 38 da Lei do sector eléctrico, que abre a porta a máis unha suba da electricidade ao gravar cun imposto os territorios que producen a enerxía, caso de Galiza, de onde sae pola volta dun 40% máis do que se consome
photo_camera [Imaxe: Iberdrola]


O BNG vén de presentar no Parlamento galego unha proposición non de lei en que insta á Xunta de Galiza a demandar ao Goberno español unha rebaixa do 30% das portaxes no sistema eléctrico e a derrogación do artigo 38 da Lei do sector, en que se regula o acceso ás redes de transporte. Segundo sinalou en rolda de imprensa a voceira de Industria, Carme Adán, "estamos a producir entre un 30% e un 40% máis da enerxía que consumimos, e os custos medioambientais e sociais de tal actividade deben ser compensados".

Ao fío, a nacionalista acrecentou que Galiza sufriu o asulagamento dos seus vales, viu medrar muíños eólicos nos seus montes, apandou coa destrución de núcleos de poboación e as actuais liñas de alta tensión "seguen a provocar importantes custes sociais". Por tales motivos, considerou Adán que o territorio merece unha rebaixa nas portaxes que paga pola electricidade.

A nacionalista queixouse, así mesmo, de que o citado artigo 38 "abre a porta á suba do recibo", ao gravar cun novo tributo o consumo naqueles territorios que producen esta enerxía. Na liña, reclamou o compromiso do resto de forzas parlamentares para conquerir o abaratamento da luz, e convidou ao PP a facilitar o debate desta proposición.

Comentarios