O Banco de España recolle as demandas da patronal e propón contratar por debaixo do salario mínimo

Así o manifestou nun informe o seu gobernador, Luis Linde, que propuxo tamén a creación de contratos fóra do convenio, adiantar a entrada en vigor da xubilación ao 67 anos ou o mantemento dos baixos salarios "en fases de cremento económico" 

Facilitar "a flexibilidade dos salarios" e promover "a desviación temporal a respeito das condicións estabelecidas na negociación colectiva" son algunhas das propostas achegadas polo gobernador do Banco de España, Luis Linde, fronte a destrución de emprego que di, "a reforma laboral non foi quen de frear". 

Segundo o informe presentado polo Banco de España "a gravidade da situación" que atravesa "o mercado laboral" exixe, di, "afondar o impulso reformador" con medidas adicionais.

O informe publicado polo Banco de España coincide coas demandas da Comisión e a OCDE que urxen ao Estado español "revisar" a reforma laboral antes do mes de setembro

Neste senso, as propostas achegadas polo seu Gobernador --defendidas con fervor desde a patronal-- permitirían ás empresas contatrataren traballadoras e traballadores por debaixo das condicións de emprego estabelecidas nos convenios colectivos sectoriais e empresariais. Aliás, autorizaría a contratación por debaixo dos 645 euros mínimos, segundo o propio Linde naqueles sectores da poboación "de difícil empregabilidade" --nomeadamente moz@s e maiores de 45 anos. 

Entre as propostas do Banco de España tamén se atopa o adianto da entrada en vigo da xubilación aos 67 anos. O informe presentado por este órgano supervisor salienta que as reducións salariais --presentes e futuras-- deberán manterse mesmo nun hipotético período de recuperación económica. "A redución do alcance das cláusulas de indexación salarial", di textualmente o informe deberán ser aseguradas para que "non se reverta en fases de crecemento económico". Cuestión, continúa o texto, que consideran "fundamental para favorecer a creación de emprego". 

As achegas presentadas polo gobernador do BE fanse públicas após coñecerse que a Comisión e a OCDE urxen ao Estado español unha "revisión" da reforma laboral antes do mes de setembro deste ano. 

Comentarios