O agro valora retomar as mobilizacións ante o fracaso do acordo da Xunta para o leite

Malia as promesas do goberno autonómico, o prezo medio ao produtor polo leite en xaneiro non sobrepasará os 33 céntimos, cotización por baixo dos custos de produción, que se moven entre os 36 e 38

A principios de decembro, Xunta e diferentes sindicatos agrarios asinaron un acordo polo cal se fixaba un compromiso para que o prezo que se pague ao produtor de leite a comezos de ano se puxese ao nível dos custos de produción, entre 36 e 38 céntimos. O pacto realizouse en plena vaga de mobilizacións e protestas do sector leiteiro galego, con suspensión incluída de entrega de leite a industria e distribución.

Mais o contido dese acordo semella estar destinado a ser papel mollado. O motivo? Que a evolución dos prezos do leite non están a se axustar ao contemplado no pacto. De feito, e segundo os propios cálculos dos e das produtoras, de manterse a evolución, a finais de xaneiro o litro de leite pagaríaselles a 33 céntimos. Por baixo do custo de produción. O que significa que, apuntan, gran parte das explotacións seguirían a ter perdas e que a súa situación sería insostíbel.

Desde organizacións como a OPL, de feito, non se descarta que volvan as mobilzacións e protestas ante o que consideran un "engano". Desde a sinatura do pacto coa Xunta, a suba do leite limitouse a un 10 por cento do acordado.

Perdas e peches

Desde 2005, entrementres os ingresos d@s gandeir@s galeg@s pola venda de leite medraron un 0,9%, os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co cal a súa renda caeu nun 43%. Isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben é dos máis baixos da Unión europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

Entre 2005 e 2010, segundo datos oficiais, perdéronse na Galiza máis de 4.500 explotacións leiteiras. E desde entón o panorama non fixo senón empeorar. As 11.000 restantes están na corda frouxa, recoñecía o sector a finais de ano. E por volta de 3.000 explotación lácteas acollidas ao plan de modernización nos últimos anos están a piques de suspender pagos.

Comentarios