As empresas do Ibex: 94% nun paraíso fiscal e só 14% compromiso cos dereitos d@s traballador@s

Un total de 33 das 35 grandes compañías do selectivo español teñen sociedades en zonas 'opacas' a Facenda. E só 10% avalía o impacto dos seus produtos e actuacións nos dereitos humanos e laborais ou ben en aspectos ambientais.

Desde hai case unha década, o Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa debulla e analiza a información relacionada coas compañías do Ibex35, o selectivo español, o núcleo duro, a principal referencia da bolsa española. No Ibex están, logo, as empresas grandes, as maiores, as principais. As Citius, Altius, Fortius na carreira económico-financeira. Pois ben, o 94% desas compañías, 33, teñen sociedades domiciliadas en paraísos fiscais, segundo recolle Gara. Ningunha, aliás, informa dos impostos que paga ou das axudas e subvencións que percebe nos países nos que tributan.

Opacidade total a ollos de Facenda

O 94%. Un 8% máis que en 2010. “Están en lugares totalmente opacos a Facenda”, sinalan desde o Observatorio. As súas actividades non están relacionadas coa prestación de servizos ou produción de bens, senón con sociedades holding, sociedades de carteira, fluxos financeiros...

Delawere, Luxemburgo, Hong Kong, Illas Caimán...centros opacos a Facenda e nos que as compañías do Ibex teñen sociedades

As sociedades que están participadas ou dependen das compañías do IBEx35 domiciliadas en paraísos fiscais son máis de 430. Os centros opacos máis empregados polas empresas españolas son Delawere, Holanda, Luxemburgo, Hong Kong ou Illas Caimán.

Sen importar dereitos humanos, laborais...

E as grandes e prestixiosas empresas españolas suspenden tamén en materia de dereitos humanos, laborais ou respecto o ambiente. Eis o exemplo da denominada 'dilixencia debida': proceso continuado de avaliación do impacto e consecuencias que a empresa provoca ou axuda a provocar co seu produto, actuacións, servizos... nos dereitos humanos. Pois ben, só o 10% destas grandes empresas fai este tipo de avaliacións. Xa que logo, un 90% non se preocupa. E son firmas presentes en países onde os dereitos humanos brillan pola súa ausencia.

Só 5 desas grandes compañías teñen compromiso coa protección dos dereitos dos traballadores

E no que atinxe a dereitos laborais, só 5 empresas teñen un compromiso coa protección dos dereitos dos traballadores en países que non apliquen na súa totalidade as normas internacionais relativas á liberdade de asociación, sindicación, negociación colectiva. E só 2 compañías das 35 dan información por países de afiliación a sindicatos.

Comentarios