ESTATÍSTICAS

O 18% dos fogares galegos con nen@s ao cargo viven por baixo da liña da pobreza

O paulatino empobrecemento das familias constatado polos Instituto de Estatística acende todas as alarmas

Máis de 400.000 galegos e galegas vivían a comezos de 2011 por baixo da liña de pobreza. Unha cifra maior que o total de habitantes de calquera dos dous principais concellos do país (Vigo e A Coruña). Imaxínese cruzando a cidade olívica desde Teis ata Saiás e que todo aquel co que se cruzara gañase apenas o 60% do salario medio. Ou que, no caso d´A Coruña, ao pasear entre os barrios de Matogrande a Os Rosais un non fixese máis que cruzarse con xente que obtivese menos de 600 euros ao mes.

Non son datos proporcionados por colectivos ou organizacións de denuncia do grao de depauperización que se está a dar na cohesión social na Galiza. Son datos do Instituto Galego de Estatística, nada sospeitoso de ter interese en derrubar ou cuestionar gobernos ou sistemas. Mais o informe do IGE contén máis datos e cifras para a alarma. Coma que o 18 por cento dos fogares galegos con nen@s ao cargo viven por baixo da liña de pobreza. E no caso daqueles lares onde viven só un adulto e unha crianza, esa porcentaxe elévase ata rozar o 50%.

Pero hai, por desgraza, moito máis. Segundo o informe do mencionado Instituto, case un de cada dez menores galeg@s viven en fogares nos que non traballa ningún dos seus ocupantes. E, alén diso, na Galiza existe perto dun 28% de abandono escolar antes de finalizar a educación obrigatoria (un 12 por cento máis que a media da Unión Europea).

E neste escenario é no que se están a aplicar as políticas de recorte en sanidade, educación e outros servicos e prestacións públicas. Ao tempo que se destrúe emprego (xa son 266.000 as persoas desempregadas na Galiza) e se precariza o mercado laboral.

Comentarios