O 14 de novembro, folga xeral

O Consello confederal da CIG vén de ratificar "con todas as consecuencias" a convocatoria da folga que recibirá o novo goberno do PP na Galiza. Será na mesma xornada en que UGT e CCOO chamaron ao paro no resto do estado, e que coincidirá con mobilizacións noutros países da UE, entre eles Portugal
Folga xeral do 29-M. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]
photo_camera Folga xeral do 29-M. Mobilización en Vigo [Imaxe: CIG]

O 14 de novembro haberá folga xeral. O Concello confederal da CIG vén de ratificar esta decisión, facendo cadrar a data coa fixada a nivel estatal por CCOO e UGT, e coas mobilizacións que se celebrarán noutros países da UE como Portugal.



Un chamamento ''con todas as consecuencias''
Segundo informou o secretario xeral da central nacionalista, Xesús Seixo, a CIG súmase ao chamamento "con todas as consecuencias, conscientes de que as políticas que está a adoptar o PP requiren deste tipo de respostas".

O sindicato nacionalista viña reclamando esta folga, marcada nun primeiro momento parao 26 de setembro, data escollida polos sindicatos en Euskadi, e que tiña por obxectivo a procura dunha resposta contundente de rexeitamento contra as políticas "moi duras" de recortes adoptadas polo Goberno nos meses do verán. Porén, CCOO e UGT desbotaron esta data.

CIG adiou tamén a convocatoria. Segundo recordou esta sexta feira Xesús Seixo, daquela estimouse "que a resposta tiña que ser o máis masiva posíbel". Desta volta, a chamada ao paro foi feita tamén pola CUT. Entende a central nacionalistas que para 2013 as condicións sociolaborais empeorarán "máis aínda", polo que non descartan novas folgas "as veces que sexa necesario para forzar políticas distintas que garantan que imos saír da crise, mais non de calquera maneira".

Lembrarlle ao PP que perdeu apoios e que a maioría non é un cheque en branco
Así as cousas, a folga xeral chega após revalidar o PP nas urnas a súa maioría absoluta, con tres escanos máis e 130 mil votos menos por obra e graza da fórmula D'Hondt. Subliñou Seixo que, pese a gobernaren con tanta soltura, os apoios reais que tivo a dereita na Galiza "andan ao redor do 25%, polo que non poden facer o que lles dea a gana".

Recalcando que a maioría obtida o 21-O non é un cheque en branco, chamou á folga a todas as persoas que perderon o emprego nos últimos tres anos de goberno do PP ou a quen viu recortados os seus dereitos sociais e laborais. Con contundencia, e recuperando un lema colocado pola CIG en follas voandeiras repartidas nas últimas concentracións comarcais celebradas antes das eleccións, dixo o secretario xeral deste sindicato que "hai que chegar a esa poboación que está tan influenciada polos medios de comunicación e polo poder caciquil do PP para dicirlles que votar esta formación política é un suicidio para o noso pobo".

Por conseguinte, Seixo valorou moi positivamente que CCOO e UGT acordaran sumarse á convocatoria de folga e mesmo sindicatos de países da periferia de Europa, porque "estas medidas veñen decidas desde o BCE e da Comisión Europea", recalcou Seixo, acrecentando que o PP "aplícaas con toda dureza porque coinciden cos seus presupostos ideolóxicos". 

Comentarios