O 10% das tripulacións da flota galega en Mauritania podería quedar á marxe das axudas

CIG lamenta a "dobre vara de medir" para barcos galegos e andaluces en canto ás axudas pola paralización nese caladoiro
Concentración na defensa da flota galega
photo_camera Concentración anterior na defensa da flota galega

Afectados pola expulsión da flota galega do caladoiro mauritano realizaron unha asemblea en Marín na cal analizaron a orde de axudas do Goberno español, publicada nesta sexta no BOE e pola cal o executivo central vai destinar 1,6 millóns de euros a este colectivo durante un período de 6 meses prorrogábel por outros seis.

Na asemblea trataouse con certa preocupación que o 10% dos tripulantes galegos nese caladoiro podían ficar á marxe desas axudas. "Son mariñeiros de barcos que foron ao desgüace ou ben dos que se denominan como de reemprazo", sinala Xabier Aboi, da CIG. Porén, enfatiza Aboi, "en Andalucía van cobrar todos os buques até os que non tiñan tripulación porque xa foran despachados".

Desde a central nacionalista lamentan que as axudas "vaian para as empresas, as armadoras, mais non todos os mariñeiros as van poder recibir", e non descartan retomar as mobilizacións. Non obstante, agora a principal tarefa será comezar a traballar en todo o papeleo e trámites para estas axudas. "Que ao ritmo que levan, non van cobrarse até decembro, cinco meses despois de que se expulsara a flota de Mauritania".

Dereito a volver

Para a CIG a incapacidade do PP no goberno autonómico e no central móstrase en que non sexan quen de evitar que saia adiante o acordo da UE polo cal se expulsou á flota do caladoiro magrebí. "Os nosos barcos van ser substituídos por buques chineses", ten denunciado Aboi xa desde o inicio do problema.

Comentarios