Rosa Pérez Otero, técnica da Estación Fitopatolóxica Areeiro

Rosa Pérez: "O número de tratamentos nas viñas é exaxerado e a tecnoloxía pode axudar"

O control dos fungos é un proceso chave no cultivo das vides. Rosa Pérez Otero é a técnica responsábel das alertas fitosanitarias na estación fitopatolóxica de Areeiro, onde traballan en novos sistemas para predicir con maior precisión a posíbel incidencia destes patóxenos e adaptar así os tratamentos.
Rosa Pérez Otero nas instalacións da estación de Areeiro.
photo_camera Rosa Pérez Otero nas instalacións da estación de Areeiro. (Foto: Nós Diario)

-Estamos en tempo de vendima, como se presenta a campaña deste ano?

A vendima xa empezou, pero non na medida que se tiña previsto polos cambios do tempo. Con este último cambio, estas choivas que chegan xusto agora ao final, hai unha situación de incerteza, porque aínda que en xeral a uva está perfecta, non había apenas botrite, que é o fungo que máis nos pode afectar agora. Estas choivas probabelmente teñan as súas consecuencias, pois favorecen moito a incidencia deste patóxeno, que pode comprometer unha colleita que, polo menos nas Rías Baixas, non sei se se pode chamar histórica, pero si das mellores.

-Avanzaron moito os métodos para controlar estes patóxenos?

O control destes fungos é unha necesidade que reclama o consumidor, viños de máis calidade e con menos residuos de produtos fitosanitarios, mais tamén é unha exixencia europea reducir o número de aplicacións e tentar substituír os tradicionais métodos de loita química pola combinación de loita química, que ten que ser optimizada, e outras prácticas, por exemplo algunhas culturais que damos nos avisos fitosanitarios desde Areeiro (Pontevedra).

-Cales serían esas prácticas alternativas?

Por exemplo, nos terreos da denominación Rías Baixas hai moita humidade e boas temperaturas, o que favorece que a vexetación da viña sexa enorme. Neste caso é fundamental combinar a aplicación de tratamentos coas medidas que permiten ventilar as viñas, como as rozas e as podas en verde, que serven para conter ese crecemento desmesurado da vexetación. Pero tamén están as medidas de optimización de tratamento. 

A tecnoloxía pode axudar moito sen excluír por completo a presenza de persoas nas viñas, de técnicos que saiban. Agora están desenvolvéndose ferramentas de predición das posíbeis infeccións que teñen en conta basicamente datos meteorolóxicos. Nós estamos rematando un proxecto de innovación, Viticast, cofinanciado en 80% polo europeo Feader e 20% polo Ministerio de Agricultura. 

-En que consiste Viticast?

Á parte dos datos meteorolóxicos, que neste caso non son só predicións, senón datos recollidos a pé de parcela, tendo en conta a evolución dos estados fenolóxicos, Viticast analiza a concentración de esporas dos fungos que hai no aire. Cantas máis esporas, máis necesidades haberá que tratar. 

-Que outras entidades participan neste proxecto europeo?

Xunto coa estación fitopatolóxica de Areeiro participa a empresa de telecomunicacións Monet Viticultura, que é a que lidera o proxecto; a Universidade de Vigo, que xunto con nós achega a súa experiencia en investigación; a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), nos labores de coordinación e divulgación, e tamén son socias as adegas Viña Costeira (D.O. Ribeiro) e Hacienda Monasterio e Matarromera (D.O. Ribera del Duero). Amais, como subcontratada está a Universidade de Compostela (USC) e como colaboradoras a Asociación Galega de Viticultura (AGV), a Plataforma Tecnolóxica do Viño e ACER.

-Que vantaxes económicas ten un sistema como Viticast para as persoas produtoras?

Aínda que o obxectivo do proxecto non é reducir o número de tratamentos, senón optimizalos, todos sabemos que aquí o número é exaxerado. Este ano, con estas condicións tan favorábeis que houbo, a xente na zona das Rías Baixas puido dar máis de 20 aplicacións, e iso economicamente é unha sangría, e medioambientalmente tremendo, porque eses tratamentos teñen moitos efectos secundarios. A xente moitas veces non ten en conta que mesmo poden afectar á saúde humana.

-Queda moito por avanzar neste campo?

Neste proxecto temos avanzado bastante. O problema é que foi concedido a finais de 2019, pero coa pandemia freouse todo. Así, nun proxecto que tiñamos que ter estudado durante dous anos, ao final na práctica queda reducido a practicamente un ano, e estas ferramentas hai que utilizalas e validalas en certo período de tempo. En todo caso, existen outros medios, como os avisos fitosanitarios, que xa serven para optimizar os tratamentos. 

-Esta crecente tecnificación do agro vai ter impactos no emprego a futuro?

No caso dos tratamentos fitosanitarios, non. Por moito que haxa partidistas, máis que partidarios, da tecnoloxía ao 100%, neste caso estamos a falar de organismos biolóxicos imposíbeis de controlar só con algoritmos. Neste senso, as persoas seguen a ser necesarias para realizar as visitas ao campo e ás viñas. Para nada se vai reducir a necesidade de persoal. Trátase de facilitar tanto o labor das persoas técnicas como dos viticultores.

Comentarios