Novas sidras e a mazá de consumo buscan fechar o círculo na Estrada

Máis alá da venda de mazás para a realización de sidra a grande escala, no municipio da Estrada están a xurdir novas marcas baixo o paraugas do cultivo ecolóxico. Tradición e innovación que tamén poderían aproveitarse na promoción desta froita como consumo de mesa, polo de agora só en pequena escala e para consumo privado. De fondo, o problema da rendibilidade dimensional das explotacións actuais.  
A colleita de mazá na Estrada está no 50% e a previsión é que remate na segunda semana de novembro (Torres de Moreda).
photo_camera A colleita de mazá na Estrada está no 50% e a previsión é que remate na segunda semana de novembro. (Foto: Torres de Moreda)

A Estrada pasou en poucos anos de manter o consumo da mazá e a produción de sidra propia a ser parte esencial de grandes marcas como a sidra ecolóxica Maeloc, que realiza Custrom Drinks en Chantada. O aumento de hectáreas con maceiras foi unha consecuencia lóxica como tamén o foi a creación en 2002 da cooperativa Maceiras do Ulla-Ullama, inscrita no Consello Regulador de de Agricultura Ecolóxica de Galiza (Craega) e dez anos despois da Asociación Maceira e Sidra da Estrada.

Se unha gran maioría das mazás da comarca do Tabeirós, até un 85%, teñen como destino a citada empresa de Hijos de Ribera, hai outras saídas que se abren camiño para rematar o ciclo das mazás onde se colleitaron. 

Novas sidras no mercado

Nos últimos anos puxéronse en marcha varios proxectos en forma de novas marcas de sidra, sempre co selo ecolóxico, que buscan sorprender desde A Estrada. En agosto deste ano presentouse Nord, unha proposta de Patricia Barcala que conta coa tradición familiar como base e cinco hectáreas de maceiras para un produto que busca internacionalizarse. 

Outro exemplo de extensión familiar é o da sidra Rabiosa, froito da teima de Orlando Villamayor de continuar coa tradición familiar que cultivaron catro xeracións. En 2020, en plena pandemia, sacou un produto "feito só con mazá" que contén "24 variedades de mazás, unha delas a Rabiosa, que dá nome a esta sidra". Recoñece a Nós Diario que é "un proxecto vital, non para desenvolver en 5 ou 15 anos" que buscan "fechar todo o círculo, desde a produción da mazá, á reciclaxe última".

Nas súas máis de 7 hectáreas de maceiras en ecolóxico crearon un "proxecto multifuncional" que puxo no mercado uns 12.000 litros o ano pasado e que introduce, ademais da sidra, o aproveitamento integral dos restos da froita para vinagre ou xenebra.    

Potenciar a maza de mesa da Estrada

Mais a mazá é tamén unha froita para comer. Ao redor da súa recuperación hai varias voces na propia comarca que reivindican o valor económico que teñen algunhas variedades que se non se coidan poderían perderse. É o que explica a Nós Diario Ana Villamayor, irmá de Orlando, que procura difundir esta idea desde a casa de turismo rural que rexenta.  Ademais de poder degustalas realizan sobremesas varias con elas e dan a coñecer as súas variedades a través dos nomes das habitacións: Cristal, Pementa, Cabido ou Reineta.  

"Aínda non existe un proxecto de recuperación serio cando habería moitas posibilidades de que saíse adiante", explica, "hai moitas maceiras antigas que son de mesa e quedaron para consumo privado e non se comercializan", engade. O feito de que en toda a comarca se dea moi ben a mazá podería callar e Ana pensa que "o primeiro sería recuperar as mazás autóctonas, traballar a súa conservación para, por último, rematar coa súa venda". 

A produción de mazá dos anos impar

A colleita desta tempada aínda está ao 50% e a previsión, segundo conta a Nós Diario Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama e da asociación Maceira e Sidra de A Estrada, é que remate na segunda semana de novembro cunhas cifras moi semellantes ás que tivo en 2019, polo que se podería chegar "aos 1,2 millóns de quilos", algo moi habitual "nos anos impares". 

O gran problema do sector é a falta de man de obra especializada. "Hai pouca e cada vez custa máis, polo que o futuro está en ir a superficies grandes e mecanizadas", asegura. Este técnico insiste en que "o problema do sector primario é dimensional" polo que urxe á Xunta "a pór en marcha xa o banco de terras para poder facer cultivos grandes, co minifundismo actual é imposíbel para que sexan rendíbeis".

Comentarios