Novas normas para evitar a especulación nas renovábeis

O Consello de Ministras aprobou onte un Real Decreto-lei que crea un novo sistema de permisos de acceso á rede eléctrica para controlar a chamada burbulla das renovábeis e outro de poxas para o desenvolvemento de proxectos 'verdes' cuxa variábel sobre a que se poxará será o prezo da enerxía. 
Parque eólico de Cabo Vilano. (Natrugy)
photo_camera Parque eólico de Cabo Vilano. (Natrugy)

O Goberno español asegura que hai indicios dun eventual "compoñente especulativo" polos datos dos proxectos presentados e a súa escasa madurez, así como pola non presentación de permisos de acceso ou a falta, nun 60% dos casos, de conexión.

Na actualidade o número de solicitudes suman un total de máis de 430.000 megawatts (MW), aínda que se consideran correctamente presentadas uns 295.000  MW, segundo datos do propio Executivo. Esa cifra multiplica por sete o obxectivo de ao redor de 60.000  MW de potencia renovábel no Estado fixado no Plan Estatal Integrado de Enerxía e Clima até 2030.

Este é o motivo polo que aseguran que é urxente ordenar os permisos atendendo á súa viabilidade e solidez para favorecer o despregamento de enerxías limpas co obxectivo de acadar os obxectivos de que 74% da electricidade no Estado sexa renovábel en 2030 e acadar 100% antes de 2050. Na nova lei as persoas titulares deberán acreditar contar cos permisos, incluída a obtención da declaración de impacto ambiental favorábel, e a autorización administrativa de construción nos tempos fixados ou caducaranlles os permisos.

Novo sistema de poxas

O novo sistema de poxas de renovábeis aprobado onte terá en conta como variábel o prezo da enerxía. O lanzamento das poxas non necesitará que o proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética reciba o visto e prace no Congreso xa que ten o camiño despexado ao incluírse nesta Real Decreto-Lei, ao entender que é de extrema necesidade debido o seu impacto na reactivación económica e na xeración do emprego.

Ademais, para favorecer instalacións de pequena magnitude e proxectos piloto innovadores, a norma permite, de acordo coa Directiva Europea de Enerxías Renovábeis, que se lles exima de acudir á poxa para poder recibir a retribución. Con esta lei ponse fin ao marco vixente desenvolto por Raxoi en 2013, un momento no que o custo de xeración dun quilowatt-hora renovábel era máis caro que o prezo ao que se vendía no mercado, unha situación diferente á actual.

Comentarios