Novas mostras de rexeitamento á reforma laboral, coincidindo coa aprobación no Congreso

Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Lugo acollerán mobilizacións para rexeitar "os ataques do Goberno español do PP aos dereitos da maioría social"
Cartaz da CIG anunciando as mobilizacións
photo_camera Cartaz da CIG anunciando as mobilizacións

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca concentracións nas sete cidades galegas esta cuarta feira, 23 para rexeitar a reforma laboral que o Goberno español do Partido Popular ten previsto aprobar no Congreso dos Deputados ao día seguinte. A central nacionalista chama "a clase traballadora galega a responder na rúa os ataques contra os dereitos da maioría social".

A CIG considera que todas as medidas recollidas na reforma laboral "van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento e as condicións laborais e proporcionar man de obra barata á patronal. A reforma pretende ademais debilitar a negociación colectiva, dividir os traballadores/as e individualizar as relacións laborais".

O secretario xeral, Suso Seixo, afirma que “vai provocar unha caída xeneralizada dos salarios, o empobrecemento da clase traballadora, máis desigualdades e a exclusión social dos máis desfavorecidos”. Ante isto, dende a central nacionalista están convencidos de que a única resposta contra estas reformas pasa pola mobilización.

Lugares e horarios das concentracións:

-Vigo: na Porta do Sol ás 20.00 horas.

-A Coruña: diante da Subdelegación do Goberno español ás 19.00 horas.

-Pontevedra: diante da Subdelegación do Goberno español ás 19.30 horas

-Ferrol: na Praza do Himno Galego ás 19.30 horas.

-Santiago: na Praza do Toural ás 20.00 horas.

-Lugo: diante da Subdelegación do Goberno español ás 20.00 horas.

-Ourense: diante do local da CEO (Praza das Damas) ás 20.00 horas.

Comentarios