As turbulencias financeiras provocan novas caídas da banca en bolsa e a UE pide culminar a Unión Bancaria

"Necesitamos garantir que o Fondo Único de Resolución teña o apoio que necesitará no futuro, en particular a partir de 2024, para garantir que, se hai futuras dificultades bancarias, non pidamos aos contribuíntes que as paguen", afirma o presidente do Eurogrupo, Paschal Donohoe.
O Deutsche Bank lidera os descensos cunha caída de 8% en bolsa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O Deutsche Bank lidera os descensos cunha caída de 8% en bolsa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A cotización dos principais bancos europeos volve rexistrar fortes caídas esta sexta feira, o que suxire que as recentes intervencións por parte das autoridades financeiras non acougaron a nerviosidade dos investidores, logo de que os grandes bancos centrais continuasen subindo os tipos de xuro a pesar das turbulencias desatadas pola creba de bancos nos Estados Unidos e o rescate do suízo Credit Suisse.

O índice Euro Stoxx 600 para o sector bancario rexistraba unha caída superior a 3% antes de alcanzar a media sesión, con Deutsche Bank á cabeza dos descensos, cunha baixada superior a 8%. O maior banco de Alemaña, cuxo custo dos seguros de garantía fronte a falta de pagamento (CDS) experimentaron un forte incremento, anunciaba esta sexta feira a súa intención de amortizar anticipadamente 1.500 millóns de dólares —1.379 millóns de euros— en débeda subordinada de nivel 2 de taxa fixa, con vencemento en 2028, o 24 de maio de 2023 a 100% do seu monto principal, xunto cos xuros devindicados até —mais excluíndo— a data de rescate.

Da mesma forma, o escandinavo Nordea baixaba máis de 7% e o suízo UBS, que vén de comprar Credit Suisse, cotizaba cunha caída de 5,5%, mentres que os títulos do alemán Commerzbank e do francés Société Générale perdían case 5%, ao tempo que os do italiano UniCredit e o galo BNP Paribas baixaban cada un máis de 3%.

As accións doutras grandes entidades bancarias europeas como ING, Intesa Sanpaolo ou ABN Amro sufrían descensos superiores a 2%. No caso do Estado español, o Banco Sabadell encabezaba as caídas ás 11 horas cun descenso de 6,85%, seguido de Unicaja Banco (-5,62%), BBVA (-5,35%), Banco Santander (-4,97%), CaixaBank (-4,81%) e Bankinter (-4,71%).

Cara á Unión Bancaria

O presidente do Eurogrupo, Paschal Donohoe, convidou esta sexta feira os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea a avanzar para culminar a Unión Bancaria tras as recentes turbulencias provocadas pola quebra do Silicon Valley Bank (SVB) estadounidense e os seus efectos derivados en Europa. "Os recentes acontecementos nos mercados financeiros lémbrannos a necesidade de permanecer vixiantes e seguir controlando os riscos", sinalou o irlandés á súa chegada ao cumio do euro que decorre hoxe en Bruxelas e do que participa tamén a presidenta do Banco Central Europeo (BCE), Christine Lagarde.

Neste senso, Donohoe lembrou que o Eurogrupo xa chegou o verán pasado a un acordo sobre os pasos a dar cara á Unión Bancaria e pediu "paso firme" para aplicalos. Confía en que a Comisión presente propostas "cedo" a fin de reforzar os sistemas de garantías de depósitos fronte a calquera cambio que poida ocorrer.

Paschal Donohoe: "Temos que garantir que, se hai futuras dificultades bancarias, non pidamos aos contribuíntes que as paguen"

Malia que mostrou "confianza" na cantidade de liquidez que construíu o sistema e nas decisións tanto de reguladores como de institucións, incidiu en que é igualmente importante aplicar os acordos que xa existen, polo que avogou por avanzar na plena ratificación do fondo de rescate da UE (MEDE) para garantir que o Fondo Único de Resolución teña "o apoio que a UE xa acordou que tería".

"Necesitamos garantir que o Fondo Único de Resolución teña o apoio que necesitará no futuro, en particular a partir de 2024, para garantir que, se hai futuras dificultades bancarias, non pidamos aos contribuíntes que as paguen", explicou o dirixente irlandés, toda vez que subliñou o "forte" marco regulatorio co que conta a UE. Por iso, insistiu en que un dos próximos pasos debe ser garantir que o vínculo entre o MEDE e o Fondo Único de Resolución estean en marcha a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Comentarios