xoves 01/10/20

Novas axudas para impulsar a enerxía fotovoltaica

A Xunta convoca novas axudas para impulsar a enerxía solar fotovoltaica por importe de 4,5 millóns de euros.
paneis solares enerxía fotovoltaica
Paneis solares (Foto: Xunta da Galiza).

Até o 1 de decembro as Administracións locais da Galiza e os seus organismos dependentes, empresas e autónomos mais entidades sen ánimo de lucro poderán pedir axudas para a instalación de proxectos de autoconsumo a través da enerxía fotovoltaica.

O prazo para presentar as solicitudes comezará o vindeiro día 21 de setembro unha vez finalizado o proceso de adhesión das entidades colaboradoras que, no caso das pequenas empresas, autónomos e asociacións sen ánimo de lucro, serán as encargadas de tramitar as peticións de subvencións.

Após a caída do imposto ao sol, o interese pola enerxía solar fotovoltaica disparouse.

O anuncio desta convocatoria por parte da Xunta a través do Instituto Galego de Enerxía (Inega) chegou fóra do período habitual. "Normalmente as subvencións saen todas antes de xuño. É raro que publicasen a convocatoria en agosto, pero tamén é moi interesante para os beneficiarios", explica a Nós Diario Alberte Baltasar, de ABF Solucións Eléctricas, que xa está estudando a viabilidade dun proxecto de autoconsumo eléctrico a través de paneis solares para unha granxa escola, unha entidade sen ánimo de lucro que aspira a unha axuda de "80% de 1.100 euros/kiloWatt, xa que levaría batarías de litio". En caso de non as levar, o investimento elixíbel máximo por potencia unitaria estaría limitado a 840 euros/kiloWatt.

4,5 millóns de euros

A Xunta destinará axudas por importe de 4,5 millóns de euros non só para a instalación de paneis solares fotovoltaicos, senón tamén de sistemas para o acondicionamento da enerxía eléctrica, de monitorización ou de acumulación con baterías, ademais doutros accesorios para a correcta conexión e funcionamento da montaxe.

"Após a caída do imposto ao sol, o interese pola enerxía solar fotovoltaica disparouse, como fonte de enerxía renovábel. A súa implantación creceu exponencialmente e seguirá avanzando na próxima década mentres non apareza unha nova tecnoloxía que lle dea o relevo", sinala Baltasar. "Con todo, o máis importante aquí é consolidar proxectos eficientes, capaces de optimizar todo o capital investido. Iso exixe coñecemento, xa que a evolución técnica é impresionante. Hai entidades con consumos de potencia moi altos que poden ver a súa factura reducida á metade", agrega.

As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A contía máxima por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 euros e de 25.000 para as entidades sen ánimo de lucro.

comentarios