Novagalicia Banco rebaixa 290 despedimentos condicionados a reducións de xornada e abrir máis horas

CC OO e UGT achegan unha contraproposta. CIG exixe "máis concreción" sobre as condicións en que a empresa pretende ampliar o horario comercial en até 190 oficinas, traballando todos os serás agás nas sextas feiras, e denuncia que "houbo contactos por detrás con algúns sindicatos, non con todos"

Sindicatos e Novagalicia Banco manteron esta segunda feira unha xuntanza para achegar posturas ao redor das condicións da empresa para executar o ERE que deixará na rúa por volta de 2.250 traballador@s.

Na nova proposta, moi similar a pechada en Bankia, NGB fala dunha redución de xornada laboral que afectaría a 955 operari@s, con distintos tipos de concreción, o que permitiría reducir en 290 o número de despedimentos. As indemnizacións elévanse de 28 a 30 días por ano cun tope de 18 mensualidades para quen teña menos de 55 anos, e de 24 mensualidades quen supere dita idade. A empresa advertíu tamén de que mantén a intención de abrir en horario de tarde, agás as sextas feiras, até 190 oficinas.

CC OO e UGT presentaron xa unha contraproposta que a CIG anunciou que estudará antes de se sumar a ela. Reclaman as dúas centrais que se acometan 700 prexubilacións e que a redución de xornada se practique a un maior número de traballador@s a fin de evitar non 250 senón 500 despedimentos. A empresa quedou en estudar estas demandas, malia sinalar que está fóra do custo inicial fixado para a reestruturación. Pola súa banda, CIG denuncia que "semella que houbo contactos con algúns sindicatos, non con todos" e exixe unha "maior concreción" sobre ese aumento no horario comercial que se prevé para 190 sucursais na liña de coñecer "se serve de verdade" para evitar despedimentos ou "é un paripé" da empresa.

Pronunciouse nestes termos o responsábel da federación de Banca do sindicato CIG, Clodomiro Montero, quen informou ademais de que Novagalicia Banco traía preparada unha listaxe de recortes salariais e nos dereitos laborais "bastante absurda" que foi rexeitada polos sindicatos.

Subliñou que as posturas están "moi distanciadas" neste momento e explicou que "a intención da empresa" é abrir un prazo voluntario perante o peche dunha oficina para que @s traballador@s entreguen a baixa voluntaria cunha indemnización de 10 mil euros. "Así di que non despide, mais esas baixas de voluntarias non teñen nada", queixouse Montero. Para alén disto, EVO Banco, a marca comercial con que Novagalicia Banco opera en todo o Estado agás na Galiza, León e Asturies, pechará en dous anos. Para a quinta e a sexta feira hai convocadas novas xornadas de greve na entidade.

Comentarios