Nova vaga de paros nos centros de chamada contra o bloqueo das negociacións

É a primeira vez que as mobilizacións por este motivo se estenden por todo o Estado. En Galiza levan producíndose desde hai 10 meses.

centros de chamadas 2
photo_camera Unha manifestación do sector dos centros de chamada.

O sector dos centros de chamada volven a estar convocados en Galiza a se mobilizar contra o bloqueo das negociacións do convenio colectivo. Desde decembro de 2015 no noso país, e a impulso da CIG, os por volta de 8.000 operarios que ten o sector en Galiza foron convocados a paros, greves e mobilizacións para denunciar esa paralización por parte da patronal que xa dura 22 meses.

Non foi así no resto do Estado español durante todos estes meses, Até agora, que esta vaga de mobilizacións é tamén apoiada polos sindicatos estatais e van decorrer a nivel de Estado. Os traballadores están convocados a protagonizar paros esta quinta feira, 22 de setembro, e o 29 de setembro, así como a unha greve o vindeiro 6 de outubro. “Até o de agora tivemos que mobilizarnos en solitario fronte ao bloqueo patronal nun convenio de ámbito estatal; xa era tempo de que o sindicalismo español reaccionase”, manifestan desde a CIG.

Laura Pérez, traballadora do sector, delegada da CIG e responsábel na central nacionalista deste colectivo de Telemarketing, afirmaba nunha entrevista en Sermos Galiza que “en vez de evolucionar, involucionamos; a patronal está obstinada en medidas que involucionan as nosas condicións de traballo e tamén de vida”. Lembraba tamén que no ano 2000 a facturación do sector das 'call centers', telemarketing ou centros de chamada non chegaba os 900 millóns de euros. Unha década despois, en 2010, andaba polos dous mil millóns, e no 2014 foi de máis de 2.215 millóns. Incrementou neste periodo nun 70%.

Comentarios