O IPC rexistra en abril a súa maior suba desde maio de 2022

O índice subiu 0,6% en abril en relación co mes anterior e elevou oito décimas a súa taxa interanual.
O INE publicou esta sexta feira os datos avanzados do IPC. (Foto: Europa Press)
photo_camera O INE publicou esta sexta feira os datos avanzados do IPC. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) do Estado español subiu 0,6% en abril en relación ao mes anterior e elevou oito décimas porcentuais a súa taxa interanual, até 4,1%, volvendo así aos ascensos despois da baixada de máis de dous puntos porcentuais que experimentou en marzo, segundo os datos avanzados publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Á espera de coñecer o dato galego da inflación no mes de abril, que en marzo se situou unha décima porcentual por riba da taxa do conxunto do Estado, o IPC marcou na economía estatal a súa maior suba desde o mes de maio de 2022.

O INE atribuíu o maior crecemento dos prezos ao encarecemento dos carburantes e a que o custo da factura da electricidade baixou menos en abril deste ano que no mesmo mes de 2022.

Sen especificar taxas concretas, o instituto estatístico sinalou que os prezos dos alimentos, que levan meses crecendo a taxas de dous díxitos, aumentaron en abril deste ano menos do que o fixeran un ano antes.

Pola súa parte, o Ministerio de Asuntos Económicos atribuíu a repunta do IPC de abril ao "efecto base" que supón comparar os datos cos de abril de 2022, mes no que se introduciu a bonificación de 20 céntimos aos carburantes e outras medidas para aliviar a escalada inflacionista.

A pesar de que as subas de prezo que se están a experimentar supoñen un dobre incremento con respecto aos prezos de hai dous anos, ao facelo sobre a propia base dun momento no que xa comezara a crise inflacionista, o Goberno español destacou que o IPC interanual do mes de abril é "a metade" do rexistrado un ano antes e subliñou que as medidas que o Executivo adoptou o pasado decembro de 2022 "seguirán contribuíndo a amortecer a evolución da inflación".

A inflación subxacente marca unha taxa de 6,6%

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en abril baixou nove décimas porcentuais, até 6,6%, situándose 2,5 puntos por encima do IPC xeral, a súa menor brecha desde o pasado mes de decembro.

En termos mensuais (abril sobre marzo), a inflación rexistrou un aumento de 0,6%, dúas décimas porcentuais máis do que subiu en marzo (0,4%) e oito por encima do dato de abril de 2022, cando o IPC mensual baixou nunha taxa de 0,2%. O INE publicará os datos definitivos da inflación de abril, incluídos os relativos á economía da Galiza, o próximo 12 de maio.

Comentarios