Nova sentenza contra a Xunta pola anulación do concurso eólico do bipartito

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo deberá aboar perto dun millón de euros aos promotores dun parque na que é até a data a indemnización máis onerosa pola suspensión do concurso eólico do bipartito.
656 megawatts teñen luz verde por parte do Goberno español (Foto: Europa Press).
photo_camera A última sentenza polo concurso eólico roza o millón de euros (Foto: Europa Press).

A Sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de condenar a Xunta a pagar case 930.000 euros máis intereses á segunda maior adxudicataria do concurso eólico do bipartito en 2008 e anulado polo Executivo de Alberto Núñez Feixoo no 2009, o seu primeiro ano de mandato.

A sentenza, do pasado 2 de febreiro, estima parcialmente o recurso presentado pola firma Aucosa Eólica, na que participaban entre outras as firmas Hijos de Carlos Albo, Bernardo Alfageme ou Conservas Cerqueira, polos danos da decisión tomada polo PP á súa chegada á Xunta.

Así, o Alto Tribunal galego declara a responsabilidade patrimonial da Xunta, á que condena a aboar a suma de 929.786,01 euros máis os intereses legais desde a súa reclamación pola vía administrativa.

Os gastos indemnizábeis, da fase administrativa para poder participar no concurso, corresponden aos dos sete proxectos que non se chegaron a desenvolver ─ Chan da Fonte, Malvar, Monte da Pena, Monte Lousado, Monte San Xoan, O Sino e Pena de  Ferro─, que sumaban 226 dos 2.290 megawatts (MW) adxudicados polo bipartito formado polo BNG e o PSdeG no ano 2008.

A diferencia do que acontece agora cos novos parques eólicos, o concurso promovido polo bipartito contemplaba 14% de participación pública nos beneficios das empresas adxudicatarias, que ademais estaban obrigadas a investir na execución de plans industriais nas comarcas nas que se ían instalar os parques eólicos. Hoxe, pola contra, a Xunta limita a un canon a contrapartida polo aproveitamento dos recursos da terra máis 

A sentenza máis onerosa

Pasados case 14 anos, a decisión de Feixoo de anular o devandito concurso segue a xerarlle desgustos. Neste caso é, ademais, a máis onerosa, e súmase ás sentencias a favor doutras das 29 adxudicatarias damnificadas polo cambio de criterio do PP, como é o caso do medio millón de euros que tivo que pagar por condena xudicial en 2016 a EDP Renovábeis ou os 842.000 euros que levou Ventauria Enerxía Rural un ano despois. A estes hai que sumar  308.000 para Viraventos Energy, 113.000 para Andavia Renovábeis e os intereses de mora por desatender as reclamacións pola vía administrativa. 

En total, máis de tres millóns de euros que sairán dos petos da cidadanía galega para avalar unha decisión que leva xudicializada desde a mesma chegada de Feixoo á Xunta da Galiza. 

Comentarios