VIVENDA

A nova burbulla inmobiliaria

O mercado do alugueiro ou arrendamento na Galiza está marcado pola “tensión” entre unha gran demanda e unha oferta reducida, o que provoca que os prezos leven meses experimentando incrementos descoñecidos até o de agora. A precarización salarial e laboral que fai imposíbel mercar unha vivenda, a irrupción con forza do negocio do piso ou vivenda residencial, o desembarco de grandes investidores... Escribimos sobre isto no Sermos Galiza 301. Eis un extracto.

Vivendas en alugueiro #aluguer #vivenda #piso #casa (Foto: Laura R. Cuba)
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Vivendas en alugueiro

1A 8 euros o metro cadrado na Coruña, a 9 en Vigo ou a 6,5 euros metro cadrado en Santiago de Compostela ou Lugo, a ver quen pode permitirse alugar unha vivenda nas cidades do país. Porque estes son dados fornecidos polo propio sector sobre o prezo medio de arrendamento por metro cadrado nalgúns dos concellos de Galiza con máis demanda. Se miramos cara ás ‘xoias’ da costa, como Sanxenxo (12 euros metro cadrado), Nigrán (9 euros) ou Foz (máis de 6 euros), vemos que o mercado do alugueiro na Galiza estase a poñer imposíbel para boa parte das familias galegas.

Non poucos dados abondan nesa liña: os prezos de alugueiro chegaron a repuntar até 20% nas sete principais cidades do país, en zonas céntricas de Vigo en apenas dous anos aumentou en 40%, na Coruña o metro cadrado para arrendamento incrementou por riba de 5% en poucos meses e segue a subir... Que alugar unha vivenda sexa misión imposíbel ou prohibitiva non deixa de sorprender nun mercado, o galego, onde a opción maioritaria foi sempre mercar e a escolla de arrendar, minoritaria, podía facerse a uns prezos accesíbeis.

Transformación

Mais nestes anos houbo toda unha revolución que se pode explicar en base a tres cuestións. A primeira, un cambio de tendencia que leva a alugar máis que a mercar. Ten lóxica: un mercado laboral precarizado, con salarios baixos, onde a mobilidade xeográfica gañou enteiros leva a que a opción de arrendar sexa a única posíbel.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 301 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios