“A nosa agricultura sufriu a reconversión máis brutal da historia de Galiza”

O Sindicato Labrego Galego realiza esta fin de semana o seu IX Congreso, no que se debatirá desde a soberanñia alimentar até a loita contra o TTIP ou cambios sindicais.

sindicato labrego galego SLG agro rural
photo_camera Imaxe dunha mobilización do SLG. IMaxe: SLG

O Sindicato Labrego Galego realiza esta fin de semana enLugo o seu IX Congreso, que decorrerá baixo o lema 'Terra, prezos dignos e soberanía alimentar', e que chega após un proceso no que se realizaron máis de 30 asembleas comarcais. Nos textos congresuais a debate  sinálanse “as políticas agrarias neoliberais desenvolvidas pola Xunta, o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea como causa directa dunha crise xeneralizada nos sectores agrogandeiros”. Unha crise que se traduce en “prezos ruinosos” para os labregos, especialmente en producións gandeiras como o do leite, o de vacún para carne, cunícola e porcino. A isto engádese a destrución de postos de traballo no sector, o avellentamento, a desertización do rural... Unha realidade que hai que entender, considera o SLG, á luz de que “o actual sistema agroalimentario posibilita que as grandes multinacionais da distribución e da industria alimentaria exerzan unha posición de dominio absoluto na cadea de valor”.

O SLG fornece datos para apoiar estas afirmacións: Menos dun 5% das persoas titulares das granxas galegas teñen menos de 40 anos, mentres que o 60% pasa dos 60; ou que das 827.000 persoas dedicadas ao agro que tiñamos nos anos 50 do século pasado (70% da poboación activa), pasouse ás 59.000 de 2012 (5’5%); testemuñan que a nosa agricultura sufriu a reconversión máis brutal da historia de Galiza experimentada por calquera sector profesional, cunha perda do 93%.

No Congreso tamén se debatirán as consecuencias do TTIP, ou a cuestión das terras. Na Galiza apenas o 24% do territorio é superficie agraria útil. SLG aposta en aumentala. O que se liga á defensa da soberanía alimentar de Galiza. Nos debates deste sábado, que terán lugar de no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, someteranse ao voto da afiliación varios cambios nos estatutos, como a creación dun  Sector de Agroecoloxía e unha Secretaría de Mocidade.

Comentarios