''Non é só defender o posto de traballo, é defender a comarca de Ferrol, que morre''

Medio cento de traballadores do naval están fechados no Concello ferrolá desde o final da multitudinaria manifestación que percorreu este domingo a cidade en defensa do naval. “Temos que dar o dó de peito por esta comarca”, afirma Manuel Grandal, responsábel da CIG no naval e un dos encerrados.

pechenaval

Como están os ánimos entre os encerrados?

Levamos dous anos de mobilizacións e de loita e iso desgasta. Mais manifestacións como a de onte (en referencia ás 30.000 persoas que percorreron Ferrol o domingo en defensa do naval) cárgannos de enerxía e de ánimos. Foi unha manifestación de grande calibre, como outras que se fixeron nestes meses e que mostran que a cidadanía é consciente de que se desaparece o naval, a comarca morre. E nós temos que dar o dó de peito. Non estamos a defender o posto de traballo, é defender esta comarca, a Ferrol, que morre.

Até o propio alcalde de Ferrol di partillar as demandas dos traballadores...

Tarde piou. O que están a facer os do PP de aquí é un esperpento. Foron a Madrid para manifestarse contra si propios, pois é o PP quen nomeou os que dirixen a compañía que eles critican. Onde estaban durante todo este tempo? Mirando para outro lado. Queren botar a culpa a outros, cando a responsabilidade é de quen nos goberna na Xunta e en Madrid, que é o Partido Popular

“Os do PP de Ferrol foron a Madrid a se manifestar contra si propios”

Finalizado o buque que quedaba, xa non hai traballo...

Hoxe entramos en subactividade e a industria auxiliar desaparece. E quero aproveitar para dicir algo: Australia felicitounos polo traballo feito nese buque (un LHD, barco de apoio loxístico para a armada australiana). Un exemplo de que si sabemos facer o noso traballo.

Destacan a profesionalidade e saber facer dos centros de Navantia nesta Ría..

Nestes anos Naval Ferrol deu beneficios, non perdas como outros centros. En calquera outra empresa do mundo aos centros que producen, aos que lle vai ben, aos que son os mellores, poténcianos. Aquí é ao contrario.

“O consello de Ministros aprobou 700 millóns de euros a interese cero para o submarino de Cartaxena. Para o prometido dique flotante de Ferrol, nada”

Cales son as demandas dos traballadores para saír da actual situación?

Desde o inicio das mobilizacións demandamos o que entendemos que é unha ferramenta de futuro, como é o dique flotante. Non é só pola man de obra para a súa construción, senón porque nos dota dunha ferramenta que vai ser indispensábel e que nos fai competitivos. E o do dique é factíbel, depende unicamente dunha decisión política. Antes tiñan o argumento de que non había cartos. Mais o consello de ministros vén de aprobar 700 millóns de euros a interese cero para o submarino de Cartaxena. Para o prometido dique flotante de Ferrol, nada.

É o dique a peza clave?

É moi, moi importante. Somos o terceiro estaleiro do mundo en reparacións de gaseiros. Pero o dique é indispensábel para atender a toda a nova xeración de gaseiros que se fan, e que van ser os que haxa no futuro. E nós non temos dique para atendelos.

Comentarios