'Non será viábel unha solución que non sexa acabar os barcos en Vigo'

As empresas auxiliares reclaman ao accionariado do estaleiro Barreras que non bloquee unha solución do proxectos en marcha.

[Imaxe: Paula Justo/ Europa Press]  Enrique Mallón e Alberto Rocha na rolda de prensa.
photo_camera Enrique Mallón e Alberto Rocha na rolda de prensa [Imaxe: Paula Justo/ Europa Press]

A plataforma de empresas auxiliares acredoras de Hijos de J. Barreras, integrada a 32 firmas ás que se lles deben máis de 20 millóns de euros, pediu esta quinta feira "responsabilidade" ás accionistas do estaleiro para que non bloqueen unha solución á crise da empresa "por intereses particulares".

O secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, trasladou esta idea en rolda de prensa e advertiu de que a venda do estaleiro debe resolverse en cuestión de días e debería garantir que se terminan os barcos contratados.

Situación preconcursal de Barreras

Na mesma rolda de prensa o letrado asesor da plataforma de auxiliares, Alberto Rocha, referiuse á situación preconcursal de Barreras, e apuntou a que, neste período de negociacións, "non será viábel unha solución que non sexa acabar os barcos en Vigo".

"Se alguén cre que pode deixar caer o estaleiro e levar o barco a prezo de ganga”, asegurou en relación ao cruceiro de Ritz Carlton, “está moi equivocado".

As empresas acredoras descoñecen as contas de Hijos de J. Barreras

O asesor da plataforma pensa que a situación de Barreras "non ten que acabar en liquidación", mais "hai que actuar de forma dilixente". Rocha informou de que as empresas acredoras descoñecen as contas de Hijos de J. Barreras de 2018 por non estar rexistradas. "Non sabemos se foron aprobadas, se hai algunha obxección nos informes de auditoría”.

En relación a unha posíbel quita das débedas, Enrique Mallón precisou que as accionistas non informaron ás auxiliares de nada respecto diso, aínda que advertiu de que as afectadas non aceptarán esas rebaixas. "O sector non pode afrontar quitas periodicamente, desta vez non, non se vai a aceptar ningunha quita", sentenciou.

Comentarios