Un traballador en Galiza gaña 2 euros menos á hora que no Estado español

Galiza fica por baixo de 14 comunidades do Estado canto a salarios e custo laboral por traballador. Un dado: o custo salarial por hora efectiva é de 13,4 euros no Estado español. No noso país, 11,4 euros.

Persoas traballando nunha cadea de montaxe (Foto: Nós Diario).

Os salarios seguen a caer malia as promesas de que xa estamos no inicio da recuperación e da saída da crise. Os dados do Instituto Nacional de Estatística (INE) da enquisa do primeiro trimestre sobre custos laborais amosan como os soldos baixaron nese período en 2 décimas. Neses meses o PIB subiu un 0,4 %, pero seguiuse a destruír emprego.

O custo salarial por traballador e mes en Galiza é de 1.572 euros. 230 euros por baixo da media española (1.805). Das 17 comunidades do Estado español hai 14 con mellores rexistros que o noso país. Só Canarias e Extremaduras teñen un custo salarial menor que o galego. O custo salarial por hora efectiva traballada é en Galiza de 11,4 euros, mentres que no Estado español roza os 13,5. Un traballador en Galiza, logo, gaña 2 euros menos cada hora do que un traballador no Estado español.

Tendencia

Un panorama que tamén se repite nos custos laborais por traballador e mes. O INE sinala que en Galiza ese concepto supón 2.170 euros mensuais, 305 euros menos que a media estatal. Tamén aquí hai 14 comunidades autónomas con mellores dados que Galiza. Outravolta, só Canarias e Extremadura teñen peores rexistros.

Comentarios