venres 29.05.2020

NGB será venezuelana

O grupo Banesco faise coa entidade financeira galega, segundo informa o diario español, El País. A decisión foi adoptada polo FROB esta cuarta feira e será anunciada formalmente ao longo da tarde. A adxudicación foi aprobada cunha oferta de 1.000 millóns de euros. 

Novagalicia Banco será vendida ao maior banco privado de Venezuela. O grupo financeiro Banesco será finalmente o adxudicatario da entidade financeira galega por uns 1.000 millóns de euros. 

A decisión foi adoptada polo FROB, esta cuarta feira, sen segunda volta pois a oferta presentada por Banesco era "substancialmente mellor" que a dos outros poxadores, subliñaron fontes próximas ao proceso. 

Neste senso, o grupo venezolano xa se fixera en xuño de 2013 co Banco Etcheverria e, froito desta compra, coas 66 oficinas exteriores da propia Novagalicia Banco. 

A venda de NBG prodúcese 24 horas despois de se iniciar o proceso de poxa e seren presentadas seis ofertas, entre elas, as do banco Santander, BBVA e La Caixa, para alén de dous fondos de investimento estranxeiros. 

Mil millóns para Banesco, 9 mil para @s contribuíntes

O prezo que finalmente NGB suporá para o grupo venezolano contrasta co custe que o saneamento da entidade financeira tivo para @s contribuíntes. Neste senso, o Goberno español inxectou 9.000 millóns de euros públicos ao banco resultante da fusión das extintas caixas dos cales, só recuperará mil. Os restantes 8 mil millóns pasarán a engordar o défice público.

O goberno venezuelano amagou con nacionalizar Banesco

Foi no ano 2012, cando aínda era presidente Hugo Chávez. O goberno bolivariano amagou con nacionalizar Banesco --xunto con outros dous grandes bancos privados-- aos que lles atribuía accións fraudulentas na comercialización de hipotecas inmobiliarias. 

comentarios