NGB precisaría 4.500 millóns de euros para cumprir cos decretos do Goberno

Javier Aríztegui, subgobernador do Banco de España, anunciou que Novagalicia Banco precisará uns de 4.500 millóns de euros de recapitalización e apuntou á posibilidade de que a entidade sexa subastada en outono. Perante estes datos, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirma que “a única alternativa é avanzarmos cara a unha Banca Pública Galega”.
Nova Galicia Banco
photo_camera Nova Galicia Banco

Eses 4.500 millóns de euros referiríanse só aos efectos das dúas normativas dirixidas a limpar a carteira inmobiliaria da entidade financeira galega. Xa que logo, non se inclúe na cantidade as provisións a maiores que NGB tería que facer a resultas do que conclúan as auditorías que están a facer as dúas consultoras internacionais (Wyman e Berger)

Foi o propio subgobernador do Banco de España, Javier Aríztegui, quen na súa comparecencia na subcomisión de control do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) deu esta cifra.

Subasta

O número dous do Banco de España debullou na súa intervención o papel do banco na nacionalización de caixas como a que deu en NGB, e apuntou a que case que con toda probabilidade sexan subastadas.

En concreto, o banco galego podería ser subastado despois do verán.

No caso de que a subasta desta caixa quede deserta, o propio Goberno debería asumir o desembolso do capital preciso para cubrir as provisións que ten que facer para cumprir co saneamento inmobiliario.

Reaccións do BNG

Pola súa banda, Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, advirte: “ou imos a unha banca pública galega ou Novagaliciabanco desaparecerá como tal, ou ben absorbida por Bankia ou ben comprada a prezo de saldo polo gran capital internacional”. Vázquez non partilla en absoluto a estratexia do Goberno español de “nacionalizar para privatizar”, porque iso significa “que o pobo pague as facturas para que logo os beneficios vaian a petos privados”. “Nacionalizar para privatizar é unha estratexia que terá como resultado que Novagaliciabanco acabe en mans foráneas”, engade.

Guillerme remarca que neste momento é máis urxente que nunca “que se constitúa unha Comisión de Investigación no Parlamento galego para depurarmos as responsabilidades pertinentes pola desastrosa xestión técnica e tamén política que conduciu ao desaparecimento do sistema financeiro galego”. O portavoz nacional considera que a responsabilidade política no desastre de Novagaliciabanco atinxe “clarisimamente” a Feijóo, por non ter sabido liderar a defensa do aforro galego e por ter colaborado no deseño que conducirá a Novagaliciabanco á súa desaparición como entidade galega con centro de decisión en Galiza.

Comentarios