NGB e sindicatos reúnense para abordar o plan de re-estruturación da entidade

Traballadoras e traballadores de NGB denuncian as consecuencias sociais e laborais do rescate financeiro á banca e chaman a secundar a manifestación convocada para o vindeiro día 12.

Esta terza feira a dirección de NGB reunirase de novo c@s representantes sindicais para abordar as condicións do plan de re-estruturación que destruirá máis de 2.500 postos de traballo e que suporá o feche de 327 sucursais --principalmente aquelas afincadas no rural galego o que ocasionará "a marxinación financeira dunha parte importante da poboación alá onde os bancos privados pecharon", sinalan fontes sindicais.

Segundo a entidade financeira as persoas que se acheguen á xuntanza poderán consultar a documentación achegada pola consultora encargada de avaliar a situación financeira de NCG, porén non poderán entrar para a súa consulta máis que dunha en unha e sen posibilidade de faceren copias dos documentos.

A entidade obriga @s representantes sindicais a consultaren a documentación dun(ha) en un(ha) e sen faceren copias

Desde os sindicatos denuncian a "a mala fe" coa que se está a desenvolver o plan de re-estruturación exixido desde as institucións económicas internacionais e o goberno español, aliás, das "graves consecuencias sociais e laborais" do mesmo. Neste senso, veñen de convocar unha manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro día 12 de xaneiro para exixieren "un outro plan" que non implique os duros recortes previstos polo actual. Así o demandan no manifesto aprobado co gallo da mobilización. 

Segundo as centrais sindicais, amáis da destrución de 2.508 postos de traballo de maneira directa, serán despedidas máis traballadoras e traballadores vencellad@s á Obra social das extintas caixas. Tamén así, denuncian que após a aprobación do rescate financeiro será a cidadanía a que pague as débedas contraídas pola entidade convertendo, din, "a débeda privada en débeda pública, ao tempo que se privatizan os futuros beneficios". Aliás, a valoración negativa recibida pola entidade na súa auditoría levará "á incautación do patrimonio acumulado aforros de milleiros de galegos e galegas", apuntan as centrais sindicais, nomeadamente a aquelas persoas que foron estafadas pola fraude das preferentes e subordinadas, ás que se lles impón unha quita do 50% dos seus aforros "mentres se garante o pago aos grandes investidores institucionais posuidores de células hipotecarias", denuncian @s representantes sindicais.

Comentarios