Navantia e Windar levantarán en Fene unha fábrica de monopilotes eólicos

A nova fábrica deixará espazo para a fabricación doutros compoñentes para eólica mariña, como os 'jackets' ou as estruturas flotantes.
Jackets nas instalacións de Navantia Fene (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Jackets' nas instalacións de Navantia Fene (Foto: Nós Diario).

Navantia Fene volve saír beneficiada dun contrato de Iberdrola co estaleiro público. Desta vez, en forma dunha nova factoría para a construcción de monopilotes XXL ─outro tipo de estruturas que sustentan os muíños eólicos no mar─ con Windar

O acordo marco de colaboración de Iberdrola con Windar e Navantia para a fabricación e subministración de 130 cimentacións monopilotes XXL, valorado en 400 millóns de euros, permite a eléctrica realizar pedidos a estes fabricantes por este valor, entre 2023 e 2025, para futuros parques eólicos mariños e asegúrase a subministración preferente dunha parte destes compoñentes para os próximos anos.

A nova factoría, na que se elaborarán cimentacións de máis de 100 metros de lonxitude e até 2.500 toneladas de peso para parques eólicos mariños, estará dispoñíbel nun prazo de 13 meses.

Situarase nunha parte das instalacións do estaleiro de Fene que non interferirá cos medios produtivos destinados á construción doutros produtos de eólica mariña, como son os jackets e as estruturas flotantes.

Iberdrola afianza desta maneira unha relación de máis de sete anos con Navantia e Windar, con contratos de eólica mariña por un valor próximo aos 1.300 millóns de euros.

Entre os proxectos xa executados para Iberdrola polo consorcio atópanse os parques eólicos mariños Wikinger, no mar Báltico; East Anglia  One, no Reino Unido; o novo parque eólico de Saint  Brieuc, en augas da Bretaña francesa e dúas subestacións para estes dous últimos parques, adxudicadas a Navantia. Ademais, Windar realizará as pezas de transición para o parque que a enerxética construirá en Estados Unidos, Vineyard I.

En todos estes traballos están involucrados máis de 2.000 profesionais de forma directa e varios miles nas auxiliares.

Comentarios