domingo 28/02/21

Navantia deixa sen carga de traballo Ferrol e consegue contratos para Cádiz

O Parlamento galego insta a Xunta a entrar nesa empresa pública para presionar e conseguir acordos comerciais para o estaleiro ferrolán.
Concentración de traballadoras e traballadores de mantemento de Navantia en Ferrol diante da porta principal (Nós Diario)
Concentración de traballadoras e traballadores de mantemento de Navantia en Ferrol diante da porta principal (Foto: Nós Diario)

O anuncio de novos contratos para as instalacións de Navantia na baía de Cádiz coincide no tempo coa falta de carga de traballo para o seu estaleiro en Ferrol. As instalacións da antiga Bazán van quedar sen ningunha ocupación, unha vez abandone o estaleiro o segundo dos buques do tipo AOR que están a construír para a Armada de Australia, e até que se inicie o corte de chapa das futuras fragatas  F-110 para a Armada Española, previsto para 2022.

Mentres, nas instalacións de San Fernando celebran o acordo para a reparación e mantemento de destrutores da armada dos Estados Unidos de América, que fornecerá de emprego até xaneiro de 2028 cun compromiso económico de 822,4 millóns de euros e a creación de máis de 1.000 empregos directos ao ano.

Ademais, Cádiz contará cun contrato coa Mariña Real de Marrocos para deseñar e construír un patrulleiro de altura, que creará 250 empregos durante o próximos tres anos e medio. 

O desigual tratamento de ambos os estaleiros desde a dirección de Navantia comeza a molestar moito a unha parte do comité de empresa así como aos  grupos políticos con presenza no Parlamento galego.

Malas novas da presidenta de Navantia

A representación sindical de Navantia Ferrol mantivo unha reunión telemática coa presidenta desta empresa pública, Belén Guarda, na que se ratificou esta mala situación. "Non teñen nada até que veñan as fragatas", afirma a Nós Diario o delegado da CIG no estaleiro, Marcelo Amado. Este sindicalista indica que a realidade confirma "que se estabelecen diferenzas, supoño que por directrices políticas, entre Ferrol, Cartaxena e Cádiz".

Tampouco foi moi satisfactorio o anuncio que realizou no encontro a responsábel de Navantia en relación cos investimentos no estaleiro galego. "A idea de novas instalacións de hai catro anos, cun dique cuberto, non se farán e os investimentos serán moito máis cativos", afirma Amado. Polo seu lado, Fran Rubio, de UXT, pensa que "a presidenta é unha figura política e traslada o que lle mandan dicir".

Cre que a empresa leva tempo con dirixentes que "nin viven nin coñecen o sector naval". Lamenta que os contratos dependan de "acordos políticos, como aconteceu co de Australia, concedido finalmente ao Reino Unido". 

Instan a Xunta para que entre en Navantia

Diante desta situación, hoxe o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha lei  promovida polo grupo do BNG para que a Xunta pida o seu ingreso no consello de administración de Navantia coa finalidade de tentar lograr carga de traballo para os estaleiros da ría de Ferrol. Ademais, todos os grupos políticos reclamaron ao Goberno español a constitución dunha mesa de ámbito galego para promover e  divesificar actividades no estaleiro ferrolán. 

Durante o debate na Comisión de Industria o deputado nacionalista Ramón Fernández incidiu na necesidade de que a Administración autonómica teña "voz e voto" contra as "prácticas lesivas" da empresa na comarca de Ferrolterra, onde, segundo o parlamentario, practican unha "privatización encuberta" do centro de Fene.

comentarios