venres 30/10/20

Navantia volve varrer para Andalucía co nomeamento da nova presidenta

A granadina Belén Gualda será a cuarta presidenta dos estaleiros públicos en catro anos.
A andaluza Belén Gualda, nova presidenta de Navantia (Foto: SEPI).
A andaluza Belén Gualda, nova presidenta de Navantia (Foto: SEPI).

Os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol agardan por carga de traballo mentres nos de Andalucía a actividade non cesa. Tampouco para o baile de cadeiras na presidencia de Navantia. A andaluza Belén Gualda será a cuarta presidenta en catro anos, ademais de ser a máis nova en ocupar o cargo. 

O consello de administración da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) propuxo á xunta de accionistas de Navantia a designación como conselleira de Gualda, até o de agora directora xerente da Axencia de Obra Pública de Andalucía, como paso previo ao seu nomeamento como nova presidenta dos estaleiros públicos en substitución de Susana de Sarriá.

Belén Gualda (Selecta, Granada, 1974) é enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, acumula unha ampla experiencia en postos directivos dentro do sector público empresarial, no que desenvolveu gran parte da súa carreira profesional.

Gualda substituirá na presidencia de Navantia a Susana de Sarriá, que foi a encargada de levar a xestión da compañía pública ao longo dos dous últimos anos nos que o seu maior logro foi a posta en marcha dun "ambicioso" Plan Estratéxico, un plan que, segundo a propia compañía, incorpora "unha significativa carga de traballo para os estaleiros da Galiza, Andalucía e Cartaxena, un programa de transformación dixital e un proxecto de rexuvenecemento do persoal e impulso á formación á altura das necesidades dun mercado cada vez máis competitivo".

Aposta en Andalucía

Todo fai indicar que Andalucía vai estar moi presente na súa xestión. De feito, o vicepresidente da CEOE, Javier González de Lara, confiou en que a designación de Belén Gualda como presidenta de Navantia "fortaleza o proxecto empresarial de Navantia, especialmente en Andalucía, que necesita consolidar iniciativas industriais para seguir xerando máis actividade económica e emprego".

comentarios