O naval de Vigo, o longo adeus: 4.000 empregos directos destruídos

Noutrora orgulloso músculo da cidade e comarca, o devalo que desde hai anos atravesa o sector non atopa antídoto na inacción das administracións. “Atopámonos diante dunha industria abocada á desaparición se non hai unha aposta seria por parte destas”, afirman desde a CIG.

naval

“A xente ten que visualizar que antes, cando había un conflito no sector, saían á rúa 10.000 traballadores/, pero agora saen 600-700, o que dá mostra da situación real que temos”. Xoán Xosé Bouzas Aboi, 'Tupi', é o secretario nacional da CIG-Industria, sindicato que vén de presentar a campaña para informar a veciñanza da bisbarra de Vigo sobre a situación real que atravesa o sector naval. E cal é a situación? Pois non moi boiante. “Para o verán non haberá máis de 1.000 traballadores activos en todo o sector da Ría de Vigo”, afirman desde o sindicato nacionalista. O que indica que desde o 2000 destruíronse 4.000 postos de traballo directos. E cada emprego directo no naval xera tres indirectos (auxiliares, transportes), segundo as propias estatísticas oficiais. Unha destrución de emprego que golpea o tecido económico da comarca viguesa e con prexuizos para múltiples sectores (comercios, hostalaría,...)

"O propio ministro de Industria tivo a desfachatez de asegurar hai pouco tempo en Vigo que o sector está recuperado e que ten carga de traballo"

Durante estas semanas o sindicato mantivo contactos cos grupos parlamentares galegos. BNG, AGE, PSdeG e Mixto apoiaron as demandas expostas pola CIG: entrada da Xunta nos consellos de administración dos principais estaleiros ou a creación dun fondo de compensación para traballadores do sector, entre outras propostas. O PP dixo non. “Dixeron que baixo ningún concepto apoiaría a entrada da Xunta nos consellos de administración, até o punto de que chegaron a afirmar que estarían dispostos a deixar que desapareza o sector no caso de que a xestión privada non se demostre eficaz”, denuncian desde a CIG. O sindicato empraza a Xunta a “dar a cara”, lembrando as inxeccións de cartos públcos que fixo en estaleiros privados. Como os dous millóns de financiación para a compra de Barreras por Pemex, ou a quita do 80% no concurso de acredores de Vulcano.

Devalar

Os grandes estaleiros vigueses están en devalo a respeito de como comezou este século. Barreras, que no 2000 sumaba perto de 2.400 traballadores entre persoal propio e auxiliares. Hoxe en día son 452. Como carga de traballo, un flotel para Pemex a entregar este verán.

Vulcano, que comezou o século con máis de mil operarios (entre persoal propio e auxiliares, lembremos) non chega agora aos 100. De 1.000 a 100 en pouco máis dunha década. Non ten na actualidade carga de traballo. O que ten é un ERE.

Esta tendencia repítese en todos os estaleiros. Metalships (antes Ascón) ten agora 157 persoas no cadro de persoal. Como carga de traballo, algunha reparación. No 2000 eran máis de 2.500 os operarios que tiñan traballo relacionado con este estaleiro. A lista segue: Freire, Armón... en todos eles se perderon empregos.

“O propio ministro de Industria tivo a desfachatez de asegurar hai pouco tempo en Vigo que o sector está recuperado e que ten carga de traballo, cando as cifras oficiais amosan que nos atopamos diante dunha industria abocada á desaparición se non hai unha aposta seria por parte das administracións públicas”, conclúen desde a CIG.

Comentarios