Nacen 249 sociedades mercantís en agosto, 81 menos que en xullo

As disolucións de empresas afectaron a 83 compañías en agosto, segundo o Instituto Galego de Estatística, 25 máis que en agosto de 2020. Ao longo do mes, foron creadas 249 sociedades mercantís.
Un negocio de hostalaría. (Foto: Eusebio García del Castillo / Europa Press)
photo_camera Un negocio de hostalaría. (Foto: Eusebio García del Castillo / Europa Press)

Durante o mes de agosto deste ano, 249 sociedades mercantís foron constituídas na Galiza, informou esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Estas cifran supoñen que foron creadas 81 empresas menos que no mes de xullo, e 11 menos que en agosto de 2020, cando a pandemia por mor da Covid-19 comezara apenas uns meses atrás.

Como vén sendo habitual, o maior número de entidades naceron nas comarcas das provincias da Coruña e Pontevedra, que superaron o 80% das sociedades constituídas, 42,74% na primeira, e 39,92% na segunda.

No que atinxe ao resto do país, o 9,68% das novas compañías elixiron o territorio lucense para fixar a súa sede, mentres que o 7,66% se radicou na provincia de Ourense.

O capital medio achegado para rexistrar as empresas que xurdiron en agosto foi de 82.353,83 euros. A meirande parte delas, explica o IGE, optaron polo modelo de sociedade de responsabilidade limitada. Nestes casos, o capital medio subscrito foi de 83.313,24 euros. 

Desigualdade entre sexos

A institución adicada á estatística confirma a disparidade entre sexos na creación de sociedades mercantís. Nas rexistradas o mes pasado, o 73,84% das persoas socias eran homes, 223. Pola contra, só aparecen 79 socias, o 26,16%.

Outro dos aspectos que destaca do informe é a consolidación das empresas cun número moi reducido de socios, até o punto de que o 75,81% das que viron a luz en agosto só contaban cun socio-fundador, o 20,16% está a nome de dúas persoas socias e o 5,03% restante é de tres ou máis socios.

Nos datos, ofrécese certa diversidade entre os sectores económicos nos que se adscriben as entidades fundadas. O máis importante, o do comercio, que asume o 19,76%. Síguelle a pola das actividades inmobiliarias, financeiras e de seguros, que acumula o 14,11%, e a hostalaría, co 12,9%.

Tamén presenta unha porcentaxe significativa a construción, co 12,10% das novas compañías de agosto, e as actividades de industria e enerxía, que chegan até o 10,48%.

Ampliacións de capital e disolucións

O número de ampliacións de capital en agosto ascende a 77 empresas, cun incremento de 20,24 millóns de euros. 16 sociedades optaron por reducilo. Ao tempo, as disolucións afectaron 83 empresas, 20 menos que en xullo. Porén, en comparación con agosto de 2020, 25 máis fecharon as súas portas.

Comentarios