Tres asociacións de cooperativas crean 'Espazo Coop', un pulo “para impulsar o cooperativismo en Galiza”

Son 181 cooperativas, por volta de 1.500 persoas socias e 570 traballadoras. A súa facturación móvese nos 45 millóns de euros.

Asemblea socias_EspazoCoop_051116

A Unión de cooperativas de traballo asociado (Ugacota), Ucetag (Unión de cooperativas de ensino de traballo asociado de Galiza) e Sinerxia veñen de aprobar por unanimidade en asemblea a fusión destas tres entidades, dando pé ao nacemento de 'Espazo Coop'. Esta nova unión agrupa pois a 181 cooperativas, das cales 152 son de traballo asociado, 28 de ensino e 1 de consumo. Posúen 1.120 socios traballadores, 340 socios consumidores e 570 persoas contratadas. A facturación é de 45 millóns de euros.

'Espazo Coop', sinalan os impulsores, “nace chea de diversidade cooperativa en canto a tipoloxías, tamaños ou sectores de actividade”. Na asemblea que decorreu esta fin de semana aprobaron tamén os estatutos da nova entidade, para alén de designar o novo consello (que terá como presidente a Celso Gándara, de Algalia sociedade cooperativa galega). Perante a asemblea presentouse o Proxecto estratéxico 2016-2020, no que se marcan entre os retos prioritarios “construír unha unión de cooperativas sostíbel e eficiente”.

Espazo Coop é, recoñecen, “o paso final” dun proceso interno nestas organizacións que leva tempo madurando, produto tanto da colaboración que manteñen como dunha visión estratéxica e de partillar valores e principios do cooperativismo e a intercooperación.

“A razón de ser da fusión é gañar capacidade de representación e gañar en eficiencia no aproveitamento de recursos e no desenvolvemento dos fins das asociacións promotoras que participan deste proceso, converténdose na maior entidade representativa do cooperativismo galego, por número de cooperativas asociadas, e para actuar como interlocutor do colectivo, representando e defendendo os intereses do sector, promovendo a intercooperación entre cooperativas e con outras organizacións da economía social, fomentando un cooperativismo de calidade”.

Comentarios