Na Galiza hai 35.800 fogares sen ingresos, o duplo que en 2010

Neste segundo trimestre hai 18.000 vivendas máis nesta situación das que había hai sete anos. Porén, a cifra descende a respecto do mesmo período de 2016, cando superaron as 37.500.

enchufe_flickr pobreza luz

Na Galiza hai 35.800 fogares que non contan con ningún tipo de ingresos. Nin por traballo, nin por prestación, nin axudas... Unha cifra que duplica os existentes en 2010. Naquel ano estaban nesa mesma situación, sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares. Durante 2011, 2012 e 2013 o número de familias nesa situación foi aumentando paulatinamente, chegando a 35.100 fogares en 2013. Comezou a descender en 2014 (34.300 familias), mais en 2015 volveu haber incremento, rexistrándose 35.500 a mediados dese ano. No terceiro trimestre de 2016 baixou e eran 34.800 os fogares sen ingresos. A EPA indica que no segundo trimestre de 2017 son 35.800 as familias nesa situación, 1.900 menos que as que había sen ningún ingreso no segundo trimestre de 2016.

O paro de longa duración e a fin das prestacións por desemprego, o esgotamento das axudas..... son algúns dos factores para explicar estes milleiros de fogares que carecen actualmente dalgún tipo de ingreso. Os sindicatos levan tempo advertindo do risco de exclusión social para miles de familias. Non só para aquelas que non teñen ningún ingreso senón tamén para aqueles fogares con algún membro activo e onde todos están no paro, e mesmo daqueles cuxa subsistencia depende de salarios precarios.

O número de fogares  que teñen a todos os seus membros activos no paro é de 68.500. Houbo aquí un descenso desde o segundo trimestre de 2016, cando eran máis de 73.000 os que se atopan nesta situación. 

Comentarios