En foco

Multas á banca que son cóxegas e España non garante a seguridade no traballo

A análise económica semanal de Sermos pon o foco na vulneración de dereitos da carta social europea polo Estado español, as leves multas á gran banca española ou á batalla das pensións. 

bolsa economia

1) Multas que son cóxegas. A Comisión nacional de mercados e competencia (CNMC) sancionou Caixabank, Santander, BBVA e Sabadell con multas que atinxen os 91 millóns de euros por coordenarse e pórse de acordo antes de realizar a oferta ao cliente para fixar unhas condicións afastadas das que se comprometeran a proporcionar. Durante a crise a gran banca española acumulou ganancias por máis de 84.000  millóns de euros. Só en 2017 obtiveron un beneficio de 13.624 millóns, 7% máis que no exercicio anterior.

2) Todo continúa como sempre: cobrar menos por ser muller. O informe ‘Brecha salarial y techo de cristal’ elaborado polos técnicos de Facenda (Gestha) evidencia que as mulleres cobran en Galiza 28,7% menos que os homes. Territorios como Estremadura, Andalucía, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Baleares e Catalunya foron onde nestes anosse rebaixou a fenda entre salarios de homes e mulleres. Galiza, pola contra, está estancada e continúa coa mesma fenda de 2005.

3)  Labazada ao Estado español por vulnerar dereitos da Carta social europea. O Comité europeo de dereitos sociais, organismo independente, que fai parte do Consello de Europa, recolle nun relatorio que España incumpre varios preceptos da Carta social. Vulneracións en temas tan importantes como a protección social ou seguridade laboral. Dá a razón así ás alegacións presentadas no seu día pola CIG. Aa frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade no traballo está garantido no Estado español”.

4) Continúa a batalla das pensións. Un estudo das patronais de seguros presentado esta semana aponta que por mor das reformas de pensións de 2011 e 2013, a pensión media será case 400 euros menos que a actual. Todo parece converxer para que a xente acepte procurar no privado un dereito público (o de xubilación). Boa parte do discurso sobre a inviabilidade do sistema público de pensións emprega como argumentos estudos, opinións e informes procedentes do denominado ‘Comité de expertos’ e con maioritaria presenza do sector privado. Creado no ano 2013 polo goberno do PP. O estado español adica ao gasto en pensións apenas o 10,5% do seu Produto interior bruto (PIB). Porcentaxe moi inferior á que dedican outros países. Así, Portugal e Grecia destinan 13 e 14,3% respectivamente. Francia un 14% e Italia case un 18%. 

5) Sainete político e ao fondo, Galiza perde 1.600 millóns de euros. Da cimeira do PP en Madrid desta segunda feira Feijóo veu cun discurso triunfalista no que afirmaba que non habería quita para as comunidades autónomas polo que os intereses de Galiza estaban preservados. Quita non podía haber (prohíbeo a propia Unión Europea) mais axiña Montoro explicou que ía haber unha “reestruturación” da débeda das autonomías. De 2012 á actualidade, as comunidades puideron financiarse con mecanismos públicos a baixos intereses. Conseguiron así 251.000 millóns de euros en liquidez. Segundo estimacións de Facenda, aforraron en xuros por volta de 20.000 millóns de euros. A comunidade que botou menos man dese ferramenta foi Galiza. A Xunta preferiu financiarse nos mercados de débeda privados, a xuros máis altos. O sobrecusto desa operación para as arcas galegas foi de 1.600 millóns de euros, segundo os cálculos de Manuel Lago, economista e deputado de En Marea.

Comentarios