As mulleres gañan peso no consello de Inditex

Anne Lange convírtese na cuarta cocelleira de Inditex, aínda que os homes, con sete representantes, seguen a ser maioría.
Anne Lange, nova conselleira de Inditex. (Imaxe: Pernod Ricard)
photo_camera Anne Lange, nova conselleira de Inditex. (Imaxe: Pernod Ricard)

O consello de administración de Inditex, o máximo órgano de decisión da firma téxtil controlada polo empresario Amancio Ortega, ten cada vez máis protagonismo feminino. Coincidindo coa presentación dos resultados do terceiro trimestre do ano, nos que Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.720 millóns de euros, a compañía comunicou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) o nomeamento de Anne Lange como nova conselleira da multinacional. 

Lange, cofundadora da startup francesa Mentis e conselleira de firmas como Orange ou Pernod Ricard, convértese así na cuarta muller en formar parte dun consello no que, até 2016 estaba integrado por homes, coa única excepción de Flora Pérez Marcote, muller de Amancio Ortega e representante de Pontegadea, a sociedade a través da que a familia canaliza os seus investimentos. A designación de Lange, emprendedora de nacionalidade francesa, con máis de 25 anos de experiencia en innovación tecnolóxica, someterase a ratificación na próxima xunta xeral de accionistas.  

Menos da metade

Con Lange serán xa catro as mulleres no consello da multinacional téxtil, ao que se incorporou a baronesa Patricia Kingsmill en xullo de 2016, e a actual presidenta de Microsoft Ibérica, Pilar López, en xullo de 2018, que comparte coa nova conselleira o seu perfil tecnolóxico. Con todo, as mulleres serán minoría no máximo órgano de decisión da firma que controla marcas como Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka ou Oysho. Os outros sete integrantes son homes. Trátase do actual presidente executivo da compañía, Pablo Isla; o vicepresidente, José Arnau; o seu fundador, Amancio Ortega; Carlos Crespo, actual conselleiro delegado; Rodrigo Echenique, do Santander; José Luis Durán, e o ex presidente do Popular, Emilio Saracho.

Comentarios