As mulleres cobran a metade de axudas da Política Agrícola Común que os homes

As galegas que viven no rural tardan máis en comezar a cotizar.
As poucas explotacións que están a nome de mulleres habitúan ser medianas ou pequenas, polo que reciben menos subvencións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera As poucas explotacións que están a nome de mulleres habitúan ser medianas ou pequenas, polo que reciben menos subvencións. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O feito de que as axudas da Política Agrícola Común (PAC) estean enfocadas aos grandes proxectos en relación ao volume de produción dificulta o acceso das mulleres a estes fondos: elas reciben menos da terceira parte destas axudas segundo certificou o Ministerio español de Agricultura no último mes.

“Cobramos a metade que os nosos compañeiros titulares masculinos de axudas da política agrícola comunitaria (PAC), que resultan fundamentais para a supervivencia de proxectos no agro”, explica a este xornal a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba. Estas axudas só valoran a superficie e a cantidade de cabezas de animais polo que se benefician delas os grandes proxectos a nivel de volume de produción, “e iso volve castigar as mulleres”.

No referido aos propios traballos agrogandeiros, “pode que algunha explotación estea ao nome dunha muller de maneira puntual, pero as decisións tómanas sempre os homes”, expón Maruxa Berdasco, membro da Federación Rural Galega (Fruga), a Nós Diario.

Vilalba indica que, cando unha muller é titular dun terreo, “son proxectos de tipo mediano ou pequeno”, pois “a falta de servizos e infraestruturas” provoca que as mulleres tamén se teñan que centrar nos traballos do fogar e nos coidados. “Temos moi limitada a posibilidade de desenvolver un proxecto laboral propio, estamos dobremente castigadas”, di. Ademais, os proxectos pequenos son tamén os máis prexudicados.

Ao pé do canón

Berdasco sinala que “son as mulleres as que sacan as explotacións agrarias adiante, son elas as que están ao pé do canón”. Porén, tamén son elas as que máis dificultades experimentan. Un dos principais obstáculos que afrontan, expón, é o acceso aos servizos básicos e os problemas que provoca a escaseza de transporte público no rural.

Precisamente, con respecto ao transporte, Vilalba sostén que se suprimiron "as rutas de transporte de moitos concellos impedindo o traslado aos institutos”, o que “repercute directamente nas mulleres novas, pois atópanse con máis dificultades para acceder á formación”. Vilalba sostén que as mulleres experimentan unha desigualdade histórica debido a que os coidados das persoas dependentes recaen sempre nelas. A falta de servizos no rural provoca que sexan elas quen deben suplir esas carencias. Vilalba exemplifica esta situación mantendo que “as mulleres pasamos a nosa vida sendo taxistas das crianzas”.

A directora da Federación de Mulleres Rurais na Galiza (Fademur), Verónica Marcos, engade que a poboación do rural “está moi envellecida e precisa de moitos coidados”, que sempre recaen nas mulleres de forma precaria. Por todo isto, Isabel Vilalba argumenta que é preciso que se corrixan desigualdades como que as mulleres reciban menos axuda ou que non estean presentes nas direccións das asociacións e organizacións agrarias.

Desigualdades ás que se enfrontan as mulleres do rural

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que decorre este sábado, Nós Diario analiza as desigualdades que experimentan as galegas. Isabel Vilalba considera que ademais de as mulleres cobraren a metade de axudas da PAC que os homes, tamén tardan máis en comezar a cotizar pois, "cando non hai recursos, a primeira cotización da que se prescinde é a das mulleres". Cómpre tomar medidas correctoras urxentes, reclama Vilalba.

Comentarios