Mudanza en Ence: cambio na presidencia e ascenso do ex conselleiro de Medio Ambiente de Fraga

Ignacio Colmenares asume a presidencia relevando a Juan L. Arregi. O ex conselleiro Carlos del Álamo pasa ser conselleiro coordinador da pasteira.

ENCE factoria pasteira

Relevos e mudanzas na ponte de mando de Ence, a pasteira que non atravesa o seu mellor momento desde que o goberno español decidisen que non ían defender a prórroga outorgada no seu día polo goberno en funcións de Mariano Raxoi. Juan L Arregi deixa a presidencia após 13 anos no posto. Mantén o seu peso e importancia na empresa, non en van ten 29% da participación en Ence, e pasa ser presidente de honra da pasteira. Quen o substitúe é Ignacio Colmenares, que durante 9 anos exerceu como conselleiro delegado da empresa.

Nestes cambios na cúpula figura o ascenso de Carlos del Álamo. Este madrileño foi director xeral de Montes e Medio Ambiente entre 1991 e 1996 e en 1997 foi nomeado por Manuel Fraga conselleiro de Medio Ambiente da Xunta. Pasa ser conselleiro coordenador de Ence após anos no cargo de conselleiro e presidente da comisión de notificacións e retribucións da pasteira. Segundo información pública –CNMV- cobrou de Ence no 2018 un total 104.000 euros (remuneración fixa 44.000 euros, dietas 22.000, por pertencente a comisións do Consello 35.000 euros e outros conceptos 3.000 euros).

Non é Del Álamo o único político do Partido Popular que acabou en Ence.  Isabel Tocino, ex Ministra de Medio Ambiente entre 1996 e 2000, cobrou no ano pasado de Ence 110.000 euros (44.000 euros de remuneración, 24.000 dietas e 40.000 por pertencente ao Consello ademais de 2.000 noutros conceptos).

Comentarios