Os mozos galegos cobran de salario 25% menos que hai unha década

Unha de cada tres persoas que en Galiza está en desemprego de longa duración é mozo ou moza.

salario-minimo-2014
photo_camera salario-minimo-2014

As persoas asalariadas mozas, de entre 18 e 25 anos, experimentou nestes anos de crise e recesión importantes recortes salariais ao tempo que aumentaba a precariedade e temporalidade dos seus empregos. O seu salario medio anual reduciuse en 25 por cento dende 2008 para situarse apenas nos 6.500 euros anuais de media que cobran actualmente. Outro dato: 70 por cento do novo emprego apenas chega aos 1.000 euros mensuais.

21,1% das mozas e mozos galegos teñen contratos a tempo parcial (fronte a 13,8% do conxunto das idades, máis de 7 puntos de diferenza) e 56,2% din que teñen este tipo de contrato porque non foron quen de atopar un traballo a xornada completa.

A xuventude tamén sofre maiores taxas de temporalidade, con grandes diferenzas a respecto do conxunto da poboación asalariada. 50,9% das persoas asalariadas menores de 35 anos teñen un contrato temporal, cando no total de idades esta porcentaxe é de 26,8%.

A taxa de paro xuvenil (menores de 35 anos) é de 19,1%. Isto supón 5,1 puntos máis que a taxa de desemprego no resto da poboación. Constátase unha contración da taxa de actividade en termos interanuais. A perda de actividade entre a mocidade está relacionada non só co envellecemento da poboación, senón tamén co efecto desánimo dos mozos e mozas vendo as poucas perspectivas de emprego existentes, polo que deciden ou ben formarse retomando os estudos ou optar pola emigración.

.

A respecto das persoas paradas de longa duración —aquelas que levan máis dun ano na procura de emprego  30,6% delas son  mozos e mozas, 16.900 persoas.

Comentarios