Movementos para amarrar a "galeguidade" de Pescanova, cuxos directivos se subiron o soldo o 15% antes do preconcurso

Empresarios avogan ante a Xunta para que apoie a creación dun grupo de accionistas dispostos a entrar en Pescanova, a inxectar financiamento e a frear calquer veleidade de que a firma non teña o centro de decisión en Galiza. A CNMV suspendeu cautelarmente a cotización de Pescanova, cuxos directivos se subiron o soldo o 15 por cento antes do preconcurso.
Pescanova

O anuncio da Comisión Nacional de Mercado de Valores de que ía investigar Pescanova provocou unha nova queda no valor dos títulos da empresa galega na Bolsa, por volta dun 20%. No que vai de ano, Pescanova perdeu o 62% do seu valor bursátil. Aliás, nesta terza feira a CNMV acordou suspender cautelarmente a cotización de Pescanova "por concorrer circunstancias que poden alterar o normal desenvolvemento das operacións de valor".

Desde que Pescanova solicitou o preconcurso, e unha vez superada a sorpresa inicial, desde o tecido económico foron xurdindo voces que apontaban ao caracter sistémico desta empresa para Galiza. E pedían un compromiso forte non só para evitar a súa queda, senón para manter a galeguidade da mesma. De feito, desde círculos empresariais estase a pedir á Xunta que apoie e colabore na creación dun grupo de accionistas galegos que entren na empresa, inxecten financiamento e fagan de dique de contención contra os movementos externos. Unha definición, esta última, coa que se fai referencia a Demetrio Carceller, propietario do grupo Damm, segundo accionista de Pescanova (6,2%). 

O grupo Damm máis Luxempart (terceiro accionista) negouse a asinar as contas de 2012. Unha decisión que abreu as portas de Pescanova para o preconcurso. O presidente da empresa, Sousa-Faro, no albo das críticas de certos sectores de Pescanova pola súa xestión, pasou de ter case tres de cada 10 accións en 2010 a o14,2% actualmente.

O equipo directivo subiuse o soldo un 15% antes do preconcurso

No primeiro semestre de 2012 a remuneración recibida polo cumio directivo de Pescanova foi un 15% superior ao mesmo periodo do ano anterior, sendo de 1,37 millóns de euros fronte os 1,19 millóns do exercicio anterior. Non se publicaron as contas anuais completas, polo que falla por coñecer os datos do segundo semestre.

Tamén en 2011 a retribución do equipo directivo aumentou en máis dun 9%.

Comentarios