'Muerde la Pasta' despide a 2 traballadores ao coñecer que ían na candidatura da CIG

O local que esta cadea posúe en Marineda City, A Coruña, comunicou ás dúas persoas que encabezan a candidatura da central nacionalista o seu despedimento 2 horas despois de que lle fora notificada oficialmente a lista da CIG ás eleccións sindicais

cig
photo_camera cig

Integrar a candidatura da CIG é motivo de despedimento en 'Muerde la Pasta' a famosa cadea de restaurantes con establecementos por todo o Estado español e que ten a súa sede en Castellón. Ou polo menos é motivo de despedimento no local de 'Muerde la Pasta' en Marineda City, na cidade da Coruña. Isto é o que denuncia a central nacionalista, que afirma que dous traballadores dese establecemento herculino foron despedidos tan só dúas horas despois de que a dirección coñecese oficialmente que encabezaban a candidatura da CIG nas eleccións sindicais.

No acto de conciliación, a empresa só se amosou disposta a valorar algún tipo de pacto económico mais non a readmitir os despedidos

Os dous empregados afectados foron os promotores do proceso de eleccións sindicais, o primeiro que se realizaba neste centro de traballo, no que até o momento non existía representación legal do persoal. Durante o proceso previo ás eleccións, denuncian os traballadores, a empresa dedicouse a presionar aos seus compañeiros e compañeiras e a realizar un labor de desprestixio da CIG, “co obxectivo de amedrentar aos traballadores e conseguir así que os seus candidatos non saísen elixidos”.

Política de persecución

Esta “política de persecución” acadou o seu punto máximo, indica a CIG, o día no que foi notificada oficialmente a lista da central nacionalista. “Tan só dúas horas despois, a empresa comunicou ás dúas persoas que encabezan a candidatura o seu despedimento, mesmo recoñecendo a improcedencia da medida, e rescindindo de xeito inmediato a relación laboral”.

Malia as presións o proceso electoral seguiu adiante, cunha participación de case o 100% do persoal e resultando elixidos 3 delegados da CIG, entre eles os dous traballadores despedidos.

Malia as presións e o ambiente de represión, o proceso electoral seguiu adiante, cunha participación de case o 100% do persoal e resultando elixidos por unha ampla maioría 3 delegados da CIG, entre eles os dous traballadores despedidos.

Demanda de nulidade

No acto de conciliación polos despedimentos no SMAC, a empresa só se amosou disposta a valorar algún tipo de pacto económico mais non a readmitir os traballadores despedidos.

Non obstante, os traballadores proseguirán agora coa vía xudicial, pois “o que queremos é que se recoñeza a nulidade dos nosos despedimentos e  non cartos”. Denuncian, ademais, que a dirección está a levar a cabo unha campaña de difamación contra deles entre @s compañeir@s de Muerde la Pasta, acusándoos de querer obter só un beneficio económico propio.

Condicións precarias

Alén da persecución sindical, dende a CIG-Servizos denúnciase tamén os incumprimentos nas condicións laborais que se dan neste estabelecemento, xa que non se respectan as horas de descanso, fanse xornadas de 11 e 12 horas, e tampouco se compensan as horas a maiores como corresponde.

Comentarios