Morre un traballador nun accidente laboral no porto de Vigo

Galiza rexistra unha media de catro sinistros laborais cada hora e cen cada día. No emprego do fogar, esta figura non estaba recoñecida até o ano pasado
photo_camera Cadriño de Tokio

Máis un traballador morto na Galiza por accidente laboral. Un obreiro de 33 anos faleceu esta sexta a consecuencia das graves feridas que lle ocasionou a máquina que manipulaba. Os feitos ocorreron na nave de Casa Botas, unha empresa centenaria fincada no porto de Vigo e que se dedica á comercialización de peixe e marisco fresco.

100 accidentes laborais ao día
As cifras son sempre frías, mais necesarias para reflectir unha realidade que fala de catro accidentes laborais no noso país, cen ao día. Unha media
que indica até que punto queda camiño por percorrer. Os propios datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral --Issga-- correspondentes a 2010, o último exercicio avaliado, afirman que nese ano houbo na Galiza un total de 36.733 sinistros laborais. Deles, 84 tiveron como resultado a morte de traballador@s, e 696 --case dous ao día-- concluíron con ferid@s graves.

Nos 84 sinistros mortais, 19 foron in itinere. Servizos, con 27 falecidos, construción, con 14, e industria, con 11, foron os sectores máis golpeados
por esta tráxica accidentalidade, que tamén deixou unha importante mortaldade na pesca --oito falecidos-- e na agricultura --cinco--. Canto ao total de 36.733 sinistros laborais, o sector con maior número de accidentes laborais é o de servizos, onde se rexistraron o 40 por cento do total (15.315), seguido da industria --11.082 accidentes no traballo-- e a construción, con 7.530 sinistros. Na agricultura reducíronse 1.483 e no sector pesqueiro, 1.323.

Desde os sindicatos alertouse activamente sobre esta insostíbel situación. Nun informe recente, constatábase que Galiza supera “sistematicamente” a media estatal do denominado “índice de incidencia” --número de accidentes por cada 100.000 traballador@s-- de sinistros laborais. No caso dos sinistros graves Galiza duplica a media do estado, e con respecto dos accidentes mortais no traballo só é superada por Asturias. A entrada en vigor da reforma laboral, e niso coinciden todas as centrais sindicais, supuxo un importante paso atrás na loita e combate contra os sinistros laborais.

O sinistro laboral non existía no emprego do fogar até o ano pasado
Mención aparte merecen as condicións laborais das empregadas do fogar, un eido onde a figura do accidente laboral non estivo recoñecida até o ano pasado, e onde denuncialo é aínda máis complicado que garantir a alta da traballadora na Seguridade Social, ao ser o espazo privado o escenario onde tería que actuar Inspección de Traballo.

Así, casos o de Teófila Fernández, que a Asociación de Traballadoras do Fogar de Bizkaia denunciou en marzo de 2011, comparten condicións laborais con moitas mulleres: inmigrante do Paraguai en situación irregular, coidando persoas maiores, contratadas por medio dunha axencia privada de colocación ilegal e sen dereito a seguridade social. Teófila Fernández morreu ao caer dun décimo piso mentres limpaba as fiestras da vivenda na que traballaba. Non se recoñeceu o accidente laboral.

Comentarios