venres 28/01/22

A moratoria de plantación de eucaliptos anunciada crea un "efecto chamada"

O Sindicato Labrego Galego xa presentou un escrito ante a Consellaría do Medio Rural para denunciar a situación.
As plantacións de eucaliptos en fincas e grandes extensións de terreo aumentaron, segundo o Sindicato Labrego Galego (Ence)
As plantacións de eucaliptos en fincas e grandes extensións de terreo aumentaron, segundo o Sindicato Labrego Galego (Foto: Ence)

O anuncio dunha moratoria pola que se permitirán unicamente replantacións con eucalipto en territorios onde xa estaba esta especie, por parte da Xunta da Galiza o pasado 25 de febreiro, horas despois de aprobar un novo Plan forestal galego, está a causar un efecto contrario ao, en principio, agardado. O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de rexistrar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellaría de Medio Rural advertindo do efecto chamada que provocou ese anuncio. 

Diego Sánchez Agra, coordinador do sector forestal no SLG, explica que na súa organización "decatámonos de que hai moitas persoas propietarias de terreos que comezan a facer plantación de eucaliptos aproveitando que aínda non está regulado". Fala de "efecto chamada" por denuncias presentadas nas delegacións do sindicato en varias comarcas nas que se asegura que hai propietarias e propietarios que apuran para contratar a plantación. En concreto, teñen constancia deste tipo de actuacións nalgunhas zonas de Vilalba e sur de Lugo nas que se levan a cabo este tipo de traballos e o aumento de plantación de eucaliptos en parcelas é "moi evidente". 

Plantacións sen control por parte de Medio Rural

"A xente planta eucaliptos en zonas de monte onde antes non había para aproveitar que de momento non hai ningunha regulación", asegura Sánchez a Nós Diario, "polo que a primeira demanda sería que regulen esta situación e saquen medidas concretas", engade. Na actualidade existe unha lexislación que prohibe plantar especies forestais en zonas de uso agrícola e tampouco se poden plantar eucaliptos en zonas ocupadas por frondosas ou mesmo introducir algunhas especies en zonas de protección como Rede Natura.

"Tememos que se estean realizando plantacións neste tipo de terreos nos que está prohibido pola falta de control que hai por parte de Medio Rural", inciden desde o SLG. Neste sentido, Sánchez asegura que "nin coa Lei de incendios de 2007 nin coa Lei de montes de 2012, que xa facía certas restricións, houbo control ningún", aínda que fixeron denuncias en varias ocasións e a resposta sempre foi "mirar cara a outro lado ou pór atrancos administrativos para poder seguir adiante con elas".

Desde o SLG recoñecen que tamén os concellos poderían facer un seguimento das fincas que realizan plantacións ilegais da mesma maneira que deberían controlar as faixas que arrodean as estradas da súa propiedade ou os terreos en zona rústica e urbana, mais entenden que "non teñen medios e que para Medio Rural é unha maneira de botar balóns fóra das súas obrigas". 

A lexislación non favorece un control sobre as empresas que mercan a madeira. "Se fas unha plantación ilegal nun terreo de uso agrícola o delito prescribe cando pasa un ano", informa Sánchez, “e aínda que nun principio tampouco poderías plantar nese lugar, a adquisición sempre sería despois dese período, polo que a industria sabe que non sería unha adquisición ilegal", engade.

En todo caso pregúntanse até que punto poden quedar impunes as empresas que xestionan desde o principio a plantación de eucaliptos. Desde a plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’, na que participa tamén o SLG, solicitaron ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que participen todas as organizacións do monte e do medio rural.

Fontes de Medio Rural insisten en que regulamentarán “temporalmente as novas plantacións de eucalipto mediante unha disposición na futura Lei de recuperación da terra agraria”, actualmente en tramitación parlamentaria. Afirman que “se prohibirán as novas plantacións de eucalipto” e “permitiranse as replantacións con eucaliptos só nos terreos de toda a comunidade autónoma nos que xa os había”.

O aumento do cultivo de eucalipto reduce o seu prezo

Un dos argumentos do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para a moratoria sería a baixada de prezos da madeira. O SLG critica ese "interese" polo control neste sector "e non no lácteo". Agora mesmo o aumento das plantacións evidenciou nalgunhas poxas públicas esta realidade, pasando a adquirirse desde 30 euros por tonelada até seis euros por tonelada. Ademais, empresas como Ence xa deixaron de admitir algunhas especies pola súa pouca rendibilidade.  

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A moratoria de plantación de eucaliptos anunciada crea un "efecto chamada"
comentarios