Mónica de Piñeiros, artesá: "O que precisamos témolo na aldea, mais hai que darlle valor ao autoconsumo"

Desde o lugar de Piñeiros, na parroquia de Castroncelos da Pobra do Brollón, Mónica aproveita a natureza para facer xoias. Das árbores da contorna, das pedras e doutros elementos xorden pequenas obras de arte realizadas coa mesma paixón que dedica, tamén, á restauración de móbeis antigos. Como marca emprega, en homenaxe á súa avoa paterna, o nome "A neta da Tula".  
Mónica de Piñeiros nunha mostra de artesanía cunha parte da súa obra (Nós Diario)
photo_camera Mónica de Piñeiros nunha mostra de artesanía cunha parte da súa obra (Nós Diario)

-É un privilexio vivir na aldea e conservar a casa familiar?

É un dos grandes privilexios que agora, coa pandemia, se valora máis. Para min é un luxo aínda que a situación está moi complicada para permanecer nela e vivir dun traballo digno. Nacín e crieime sempre no medio rural. É unha marca que levas sempre. Entendes e vives a natureza doutra maneira. Por este motivo coido que temos que ser un pouquiño máis responsábeis coa nosa contorna.

Tiven a sorte de compartir as experiencias que tiveron as e os que me precederon e tomar exemplo de como vivían. Non é o mesmo coas comodidades que temos agora, mais tiñan unha harmonía coa contorna e coa xente. Sociabilizaban doutra maneira e tiñan esa idea de axudar, que aínda a día de hoxe conservan. Cando vives nunha cidade pérdese.  

-Que teñen os móbeis de antes para teimar en conservalos?

Un móbel antigo está feito con moito tempo e moito agarimo, sen contar cos materiais que empregaban, que eran os que atopaban na natureza, de proximidade. No caso das madeiras, algunhas nobres e outras non tanto, mais en todo caso levaban o agarimo e o tempo que lle dedicaban.

Atopas verdadeiras obras de arte feitas cunha trencha, un cepillo de man, un martelo e unhas puntas... algúns nin punta levaban e tiñan encaixes de madeira feitos á man! Era arte pura. Iso está vivo dentro dos móbeis. Deberiamos conservalo non só polo seu valor, que é grande ao comparalo cos de certa marca sueca, senón polo agarimo con que se fixeron. Merecen outra oportunidade.  

-Como se iniciou e madurou "A neta da Tula"?

Sempre estiven vinculada ao mundo da artesanía e un día atopei na rede uns tutoriais sobre a resina. Decidín atreverme dándolle unha perspectiva galega, recoller anaquiños da nosa terra e convertelos en xoias. A Tula era a miña avoa, unha persoa moi especial, valente, brava e moi intelixente, que foi unha influencia moi grande para min. 

Traballo con flores de tempada, como a carqueixa, o carrasco ou a chorima do toxo. Introduzo no interior elementos como anacos de sobreira, loureiro mais tamén pedriñas de lugares moi especiais. Nalgúns encargos pedíronme que empregara cabelos dalgún familiar, dentes de crianzas ou mesmo un cachiño de cordón umbilical dentro dun colgante. Tamén fago marcos de metal nos que coloco fotografías ou flores. Dentro da miña obra quixen facerlle unha homenaxe a Rosalía e a Castelao e aparecen moito nos meus deseños.

-É preciso darlle valor a eses materiais? Por exemplo, no caso da madeira e a cada vez máis presenza de especies que non son autóctonas...   

Hai que darlle valor e prioridade ás especies autóctonas do país, as que estiveron sempre na nosa contorna. Hai que frear a invasión, por exemplo, do eucalipto e do piñeiro. Estámonos decatando de que son un perigo por causa dos incendios para a flora e a fauna, de que non son nosos... A contorna non está preparada para eles. Deberiamos aferrarmos máis ás especies que temos. Non hai mellor cousa que un souto ou unha carballeira para poder gozar dunha tarde de paseo. É unha das grandes marabillas que, por desgraza, perdemos nestes momentos.   

-Cal é o maior atranco para asentar a poboación en municipios como o seu?

A falta de servizos. O sistema de consumo métenos a idea errónea de que vivir nunha cidade é máis cómodo por ter todo máis perto. O que precisamos témolo no ámbito rural, mais debemos dar valor ao autoconsumo e aos proxectos que se realizan dunha maneira sostíbel.  

Comentarios